O BNG reclámalle ao Goberno que inclúa a partida de cooperación internacional no modificativo
A Coruña, 11 de xuño de 2014- A concelleira do BNG María Xosé Bravo reuniuse na mañá de hoxe con representantes da Coordinadora Galega de ONGD para recoller as súas inquietudes e preocupacións, unha vez que a modificación dos orzamentos, aprobada inicialmente no pasado pleno ordinario, tampouco lle dedica partida ningunha aos proxectos de cooperación exterior. A edila nacionalista lembra que, por vez primeira, os orzamentos deste exercicio deixaron a cero a partida para proxectos de cooperación internacional.
Trasladámoslles aos representantes da Coordinadora que mentres o décimocuarto modificativo de crédito do Goberno do Sr. Negreira aumenta en 169.000 euros os convenios nominativos a asociacións e organizacións que xa contaban con convenios co Concello, volve deixar sen un céntimo a partida para proxectos de cooperación exterior, sinala María Xosé Bravo.
Os portavoces da Coordinadora manifestáronlle ao Grupo Municipal do BNG que se porán en contacto co Goberno do Sr. Negreira e que valorarán as medidas a adoptar. Pola súa banda, a edila do Bloque anuncia a presentación dunha reclamación ao modificativo de crédito para que inclúa unha partida para proxectos de axuda ao desenvolvemento.
De 140.000 euros no 2012 a 0 euros no 2014
María Xosé Bravo considera inadmisíbel que cun orzamento que medra cada ano o Goberno do Sr. Negreira renuncie a dedicar cartos á cooperación internacional, unha axuda histórica na cidade que representa o compromiso cos países do sur.
Neste sentido, a concelleira do Bloque denuncia que o PP reduciu a partida de 140.000 euros dos orzamentos de 2012 a 90.000 euros dos orzamentos de 2013, cantidade que quedou a cero nas contas municipais de 2014. María Xosé Bravo explica que os 90.000 euros recollidos nos orzamentos do pasado ano beneficiaron un total de 17 entidades que traballan no ámbito da cooperación internacional.
Por último, a edila do Bloque pídelle ao Partido Popular que reconsidere a súa postura insolidaria e desacomplexada de suprimir os fondos dedicados á axuda aos pobos e poboacións dos países desfavorecidos e, en consecuencia, acepte a reclamación ao modificativo de crédito anunciada polo BNG.