O Goberno central, en calidade de acredor e financiador de General Dynamics, ten que presionar
A Coruña, 12 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno central non pode desentenderse da fábrica de armas da Coruña, a única planta do Estado que General Dynamics pretende pechar. As nacionalistas emprazan o alcalde da Coruña e o presidente da Xunta a comunicarse co Goberno central para que presione a multinacional estadounidense. Neste sentido, lamentan que o Sr. Feijóo non lle trasladara onte ao Sr. Rajoy a necesidade de que o Goberno central vele pola defensa dos intereses dos 172 traballadores da fábrica de armas da Coruña.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno central ten que intervir, en calidade de acreedor e financiador de General Dynamics, neste conflito laboral que deixará na rúa máis de 700 traballadores e traballadoras das plantas que a empresa ten no Estado español, entre eles, os 172 empregados da planta da Coruña. E é que a empresa se beneficia, como contratista, tanto do Ministerio de Industria como do de Defensa, dado o sistema de financiamento dos programas de armamento.
As nacionalistas, que insisten en que a clave da viabilidade da planta da Coruña pasa pola produción civil, en sectores como o eólico ou o aeronáutico, poñen de manifesto que se o Goberno central se inhibe de garantir a continuidade dos postos de traballo e a fábrica pechar, emprazarán o Goberno municipal a solicitar a reversión dos terreos, cedidos, no seu día, pola Administración local. Deste xeito, evitaríanse operacións especulativas e permitiríase continuar coa actividade industrial nestes terreos.