O Goberno anuncia un viveiro de empresas no centro despois de renunciar ao da Agra do Orzán
A Coruña, 8 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira anunciara esta mañá, sen concretar, un viveiro de empresas no centro da cidade cando suprimiu o viveiro de empresas proxectado na Agra do Orzán dentro do programa Urbana C. As nacionalistas lamentan que, malia os terreos dispoñíbeis, o Sr. Negreira renunciara a construír na Agra un espazo físico fundamental para a xente emprendedora, e iso que, cando decidiu reprogramar o Urbana C e suprimir este proxecto, o viveiro de empresas do Igrexario estaba xa desbordado.
O Grupo Municipal do BNG xa denunciara a irresponsabilidade renunciar a investir máis de un millón de euros na Agra do Orzán, dentro do programa Urbana C, para o viveiro de empresas, para o centro multiusos e para axudas directas ao comercio, á hostalaría e aos talleres de automoción; máxime, cando este millón de euros vai ser destinado polo Goberno municipal a unha plataforma online de busca emprego a través da internet.