O BNG denuncia que o alumeado público permanece encendido durante os mediodías
A Coruña, 9 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG faise eco das queixas de veciños e veciñas sobre o alumeado público, que durante os mediodías desta semana permanece encendido nalgúns barrios da cidade. Hoxe mesmo, os farois estaban acesos ás 13h na Rolda de Outeiro, á altura de San Pedro de Visma. O mesmo acontecía antonte, martes, na Ronda de Monte Alto.
As nacionalistas, que emprazan o alcalde a pagar do seu peto as horas nas que a iluminación está acesa durante o día, rexistraron unha pregunta para a resposta escrita na que se interesan polos motivos de manter encendidos os farois ás 13h. Tamén preguntan que días, en que barrios e cantas horas se activa a iluminación durante o día e cal é o custo que supón. No caso de seren causas técnicas as que determinaron que os farois ficaran encendidos, as nacionalistas pídenlle ao Goberno municipal que especifique, concretamente, estas causas.
O día da folga xeral de novembro de 2012, o Grupo Municipal do BNG xa denunciara o dispendio de cartos públicos que supón ter aceso o alumeado durante horas de sol, máxime cando pola noite hai unha gran parte do alumeado apagado. Precisamente, as nacionalistas tamén denunciaron, en varias ocasións, as deficiencias de funcionamento do alumeado en barrios como o Ventorrillo.