O BNG espera que a relación do PP con Copasa non teña a ver co agasallo do Parrote
A Coruña, 8 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG espera que a suposta vinculación do Partido Popular con Copasa, da que hoxe se fan eco os medios de comunicación a raíz do informe policial sobre os doantes dos papeis de Bárcenas, non teña relación co agasallo do Goberno municipal a esta empresa no aparcadoiro do Parrote, nunha obra que carece de interese xeral.
Segundo as informacións publicadas polos medios ao redor do informe da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais da policía, os doantes que aparecerían nos papeis do ex tesoureiro do PP, entre os que se atopa Copasa, recibiron máis de 12.000 millóns de euros entre o 2001 e o 2012 en contratos adxudicados por Administracións públicas gobernadas polo PP.
As nacionalistas consideran un disparate o gasto de 14 millóns de euros nunha obra que non resolverá os problemas de mobilidade da cidade e cuxa única finalidade é pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro a Copasa, sen importarlle para nada ao Goberno do Sr. Negreira pedir empréstitos para tales efectos. Ademais, tal e como denunciara o BNG, os terreos das actuacións a acometer no Parrote non son municipais, senón da Autoridade Portuaria, que non puxo un céntimo para as obras.