A falta de rigor do PP: facturas no caixón, atrasos no pago a provedores e a cidade, paralizada
A Coruña, 6 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a falta de rigor do Goberno do Sr. Negreira está a traducirse en atrasos no pago a provedores, en ter a cidade paralizada e en facturas de gasto corrente no caixón. Os nacionalistas critican a falta de xestión do Goberno municipal, quen non conseguiu rebaixar o período de pago a provedores. Facenda prevera que neste 2012 o período medio de pago a provedores sería de 40 días, e de 30 días o ano que vén, e, ao finalizar o terceiro trimestre o prazo medio estaba en 72 días, un desfase de un mes, tal e comor revela o interventor do Concello no informe sobre a execución do plan de axuste. En relación a esta documentación da Intervención xeral, os nacionalistas tamén poñen de manifesto o incumprimento na previsión de ingresos, un lastre para a economía municipal a longo prazo.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o Sr. Negreira ten paralizada a cidade polo raquítico nivel de execución de obras, só o 17%; é dicir, a estas alturas, os 14 concelleiros e concelleiras do PP non lograron executar o 83% de investimentos en obras. E isto, malia recortar, modificativo tras modificativo, as partidas de investimentos, dado que o Goberno municipal non daba acadado un nivel de execución razoábel. As únicas obras do Sr. Negreira no 2012 foron unha actuación de 75.000 euros na Torre de Hércules e a destrución da medianeira da Avenida de Oza, actuación á que destinou 230.000 euros. Ter parada a cidade, sinalan os nacionalistas, afonda máis no paro e na crise.
O Goberno do Sr. Negreira mentiu cando dixo que ía poñer o contador a cero: hai facturas de gasto corrente sen pagar
Ademais, o Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreria mentiu cando aseguraba deixar a cero o contador do Concello. Cun balance de dous modificativos de crédito máis o plan de axuste, a nefasta xestión do PP provocou recorrer a unha nova modificación do orzamento de 2012 para pagar facturas de gasto habitual que o Sr. Negreira deixara no caixón, é o caso das facturas de Correos, do bonobús xeral, universitario e social ou da recollida do lixo.
Con este panorama, o remanente cada vez menor, que antes adoitaba empregarse a investir en obras e a crear postos de traballo, acabará sendo destinado a pagar facturas de gasto corrente.
Non hai cartos para pagarlle a Correos e o Sr. Negreira teima en gastar 137.000 euros nunha cabalgata e nun poboado de nadal
Os nacionalistas lamentan a xestión errática do Goberno municipal, que non ten cartos para pagar facturas de Correos e, á vez, aproba un gasto de 72.479 euros para converter a Praza de María Pita en Laponia, unha actividade sen retorno económico ningún, e un gasto de 65.000 euros na cabalgata de reis, o duplo que en anos anteriores.
Así, o Grupo Municipal do BNG cualifica a contabilidade do Sr. Negreira de "fogos de artificio", xa que dedica importantes sumas de cartos públicos a actividades populistas, só no centro da cidade, e non nos barrios, como son estes gastos de nadal (137.000) euros, as festas de María Pita (máis de 1 millón de euros), unha regata de tres días (500.000 euros) ou un partido amigábel de baloncesto (500.000 euros). Á vez, o Goberno municipal súbelles os impostos, e mesmo a auga, á cidadanía, deixa no abandono os sectores estratéxicos da cidade e as obras, que crearían postos de traballo, o comercio e a hostalaría, para os que repartiu esmola, e os barrios, sen ningún tipo de actividade.
Os nacionalistas pídenlle ao Sr. Negreira responsabilidade e que corrixa o camiño que está a levar a meirade parte da poboación a máis desemprego e a máis crise, mentres teima en beneficiar os seus amigos, como o perdón do IBI á Autoridade Portuaria.