O BNG chama a cidadanía a participar na mobilización en defensa dos emprego en Sta Bárbara
A Coruña, 28 de marzo de 2013.- O BNG da comarca da Coruña chama a cidadanía a participar na mobilización convocada polos traballadores da fábrica de armas para este sábado, 30 de marzo, con saída ás 12h da praza da Palloza. As nacionalistas, que aínda onte visitaron o Comité de Empresa, pechado nas instalacións de Santa Bárbara, consideran que a Xunta de Galiza debe poñerse á fronte da situación, máxime tendo en conta que o da Coruña é o único centro de traballo de todo o Estado español que General Dynamics vai pechar e que é tamén o único onde aínda non se solucionou o conflito laboral.
Neste contexto, o BNG da comarca da Coruña empraza o Goberno galego a artellar un plan industrial que contemple a diversificación da produción ao eido eido civil, nomeadamente ao sector aeronáutico e ao eólico, dado o potencial tecnolóxico dos traballadores de Santa Bárbara. Deste xeito, apuntan as nacionalistas, aseguraríase o emprego nestas instalacións situadas en Pedralonga. Trátase, engaden, dunha cuestión de vontade política.