EPA: No derradeiro trimestre do ano destruíronse 2.000 postos de traballo na Coruña

EPA: No derradeiro trimestre do ano destruíronse 2.000 postos de traballo na Coruña

paroA Coruña, 26 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) advirte da destrución dun total de 2.000 postos de traballo nos últimos tres meses na cidade da Coruña. Así, mentres no terceiro trimestre de 2014 había un total de 101.000 persoas ocupadas –persoas con emprego- no derradeiro trimestre de 2014 había tan só 99.000 persoas ocupadas.

O Bloque advirte do impacto que tivo esta destrución de postos de traballo entre as mulleres. Mentres no terceiro trimestre de 2014 había 50.900 mulleres ocupadas –con traballo- no derradeiro trimestre de 2014 a cantidade baixou ás 48.300. Así, destruíronse 2.600 postos de traballo que eran ocupados por mulleres. Pola contra, no caso dos homes, creáronse un total de 600 postos de traballo. E é que mentres no terceiro trimestre de 2014 había 50.100 homes ocupados, no derradeiro trimestre a cifra subiu aos 50.700.

O BNG aposta polos sectores produtivos para acabar coa destrución de postos de traballo

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a destrución de 2.000 postos de traballo entre outubro e decembro é unha mostra máis de que A Coruña se está a converter nun deserto industrial e de que as políticas do PP conducen á miseria. Ante esta situación, as nacionalistas esíxenlle ao Goberno do Sr. Negreira que aposte polo investimento e impulso dos sectores produtivos que temos na cidade.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG sinala que co impulso decidido por parte das administracións os sectores produtivos, como a ría do Burgo, a pesca, os polígonos industriais ou a universidade, poderían crear postos de traballo e riqueza. Porén, os orzamentos municipais, galegos e estatais do Partido Popular seguen a desprezar os sectores estratéxicos capaces de crear riqueza e emprego.

 

EPA: No derradeiro trimestre do ano destruíronse 2.000 postos de traballo na Coruña