O BNG denuncia os desperfectos do parque da praza da Tolerancia
A Coruña, 25 de xaneiro de 2015- A concelleira do BNG Avia Veira visitou na mañá de hoxe o parque da praza da Tolerancia para demostrarlle ao Goberno do Sr. Negreira, a través de fotografías, os graves desperfectos que presenta esta área infantil e co fin de desmentir a resposta á pregunta escrita formulada pola propia edila nacionalista ao respecto.
Así, Avia Veira denuncia que os xoguetes están descoidados e despintados e que algún deles está mal anclado. Ademais, advirte de que os bancos están oxidados e coa pintura desconchada e o chan esvaradío parece máis unha pista de patinaxe que a superficie dun parque, dada a capa de verdín que o cobre. A maiores, a concelleira do Bloque salienta que os cativos e cativas son recibidos por unha poza na mesma entrada do parque, cuxo panel se atopa tan descolorido que resulta ilexíbel. Pola outra banda, a área infantil tampouco conta con peche do perímetro, unha obra moi menor que é unha demanda constante dos pais e das nais.
Avia Veira denuncia que o edil de Medio Ambiente nin sequera se molestou en visitar o parque, dada a resposta á pregunta do BNG
Na súa pregunta formulada a instancias da veciñanza de Labañou e de Cidade Escolar (achégase xunto á nota), Avia Veira interpelaba o Goberno local sobre o estado de abandono deste parque e sobre cando prevía amañalo, respondendo deste xeito ás demandas dos veciños e veciñas. O Goberno do Sr. Negreira, no canto de atallar as eivas do parque, emitiu unha resposta na que nega os evidentes desperfectos da área infantil, demostrando, deste xeito o seu desleixo. A concelleira nacionalista sinala que a resposta do Goberno local deixa ver que o edil responsábel da materia non se molestou en visitar o parque unha vez tivo coñecemento da pregunta escrita do BNG.