Por que a Xunta quere demorar a construción do CPI en Novo Mesoiro?
A Coruña, 10 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG cre que a Xunta, logo de se facer público onte que a Consellaría de Educación remitira por carta a parcela escollida entre as dúas propostas polo Goberno municipal da Coruña para a construción do novo CEIP de Mesoiro, está intentando demorar o máximo posíbel a construción do centro educativo e lémbralle que a veciñanza deste barrio reclama un CPI, isto é, un Centro Público Integrado, para a contorna.
O BNG considera que a Xunta de Galiza quere demorar o máximo posíbel a construción do centro educativo no barrio de Novo Mesoiro
Deste xeito, as nacionalistas denuncian que a Xunta de Galiza está a facer ouvidos xordos á demanda da veciñanza que reclamou hai xa un ano, mediante a presentación de case 4.000 sinaturas, a construción dun centro que acollera todo o ciclo formativo obrigatorio.
As nacionalistas lémbranlle á Xunta que a veciñanza do barrio demandou coa presentación de case 4.000 sinaturas hai un ano a construción dun CPI
O BNG sinala que na nota publicada onte, e recollida hoxe por varios medios de comunicación, a propia Xunta indica que a parcela escollida xa ten a cualificación urbanística para «o uso docente», e que isto significa que non habería que realizar modificacións no PXOM polo que se axilizaría o comezo das obras, mais na seguinte frase se sinala que a Consellería solicitou ao Concello a realización dos trámites necesarios para a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e a aprobación dun plan especial de dotacións, co obxecto de ampliar a parcela e dotala da superficie mínima edificable de 12.150 metros cadrados, de xeito que quede garantida a posibilidade de ampliación do futuro centro educativo de liña 2 (18 unidades) a un posible liña 3 (27 unidades), en función da evolución da matrícula no centro, o que indica inequivocamente que o Concello da Coruña deberá buscar máis espazo para logo modificar no PXOM a súa cualificación e finalmente ceder para a construción do centro.
Isto é, envolver e trámites administrativos e burocráticos a cesión de terreos para logo retrasar a construción efectiva, botándolle a culpa ao Concello que xa lle ten cedida unha parcela de máis de 8.000 metros cadrados. Demóstrase que a Xunta non ten intención ningunha de querer comezar a construír o centro antes das eleccións facendo un brinde ao sol ao asegurar que compromete 3,8 millóns en investimentos, sinalan as nacionalistas.
Por outra banda, o Bloque tamén é moi crítico coa decisión da Consellería de insistir na construción dun CEIP, cando as demandas da veciñanza son a construción dun CPI. Así, o Grupo Municipal do BNG lémbralle á Xunta que segundo o censo de poboación a 1 de xaneiro de 2015 hai 1.575 nenos e nenas menores de 10 anos censados só no barrio de Novo Mesoiro, sen contar outras áreas da contorna como o Castro de Elviña, o Martinete, o Birloque ou aquelas nenas e nenos que por ter aos pais e nais traballando no Polígono de Pocomaco puideran tamén solicitar praza no novo centro.
Cónstanos que desde que a veciñanza comezou coas demandas para a construción dun centro educativo a súa intención foi que, dada a singularidade do barrio e a distancia que existen cos centros de ensino secundario máis próximos, todo o ciclo obrigatorio puidera realizarse na contorna de Novo Mesoiro; non foi casual que na solicitude pola que se recolleron case 4.000 sinaturas figurase especificamente que se demandaba a construción dun Centro Público Integrado. E tamén cónstanos as reiteradas chamadas feitas pola entidade veciñal do barrio á Consellaría para reunirse e ver alternativas e prazos para a construción deste centro. En ningún momento foron contestadas e en ningún momento o conselleiro púxose en contacto con representantes veciñais e de pais e nais. Outra demostración máis de que a Xunta non está interesada en axilizar a construción do centro e do seu desinterese absoluto no investimento educativo no barrio de Novo Mesoiro, conclúe Avia Veira.
Avia Veira: Os tan só 450 postos escolares contemplados nun principio nin cubrirían unha terceira parte da demanda existente do barrio de Novo Mesoiro, que na actualidade ten 1.575 nenos menores de 10 anos
Por último, o BNG denuncia, que aínda que finalmente a Consellería leve a cabo a construción dun CEIP no lugar do CPI, os tan só 450 postos escolares contemplados tampouco serían axeitados á demanda educativa real de Novo Mesoiro, polo que o centro quedaría desbordado xa desde o día da súa apertura.
Artigos relacionados
- Cómpre máis contundencia á hora de reivindicar maiores investimentos para a cidade
- O BNG felicita á veciñanza de Novo Mesoiro pola loita polo colexio no barrio
- O BNG, a única forza que levou ao Parlamento a construción do CEIP integrado de Novo Mesoiro
- O BNG leva ao Parlamento a creación dun centro de ensino público integrado en Novo Mesoiro