Emalcsa cambia os pregos do contrato de limpeza de sumidoiros sen razón que o xustifique
A Coruña, 1 de outubro de 2014- Tan só catro días despois de dar a coñecer o prego de condicións do contrato do servizo de limpeza dos sumidoiros, xa de por si lesivo economicamente para a empresa municipal Emalcsa, a propia Emalcsa cámbiaos, e para peor, e sen razóns que o xustifique. O novo prego do contrato supón un aumento de máis do 70% e un gasto anual de 1.200.000 euros sen ive, ademais o prezo á hora anual do servizo acrecéntase nun 50% (de 64,10 a 96 euros).
O BNG denuncia que Emalcsa anulou o pasado 29 de setembro o prego de condicións da contratación do servizo de limpeza das redes de saneamento públicas e das acometidas e/ou elementos complementarios de natureza privada e limpeza industriais xestionadas por Emalcsa que fora publicado o 24 de setembro na Plataforma de contratación do Estado e que o BNG tiña cualificado de escandaloso polo lesivo economicamente que era para a empresa municipal (achégase nota de prensa de 27 de setembro), e substitúeo por outro prego, o mesmo 29 de setembro, e sen razóns que o xustifique, que representa aínda un aumento maior, máis do 70%, respecto dos pregos do contrato de 2010.
O contrato que vén de sacar Emalcsa (xúntase dixitalizada información do prego en licitación e publicado o 29 de setembro, prego anulado de 24 de setembro e o prego de 2010) por catro anos de duración e prorrogábel a outros dous, anualmente, por procedemento restrinxido, ten un valor estimado de licitación de 7.200.000 euros (IVE excluído). O prego de 2010 sinalaba que se trataba dun contrato por dous anos de duración e prorrogábel a outros dous, anualmente, e cun valor estimado de 2.820.400 euros (IVE excluído). Por tanto, cada ano do servizo está licitado no prego en licitación en 1.200.000 euros (IVE excluído) e no prego de 2010 estaba en 705.100 (IVE excluído), é dicir, un 70,18 % polo mesmo obxecto do contrato.
As nacionalistas sinalan que se ben é certo que no prego en licitación se aumentan as horas do servizo respecto de 2010, pasando de 11.000 euros a 12.500, tamén é certo que o prezo á hora do servizo acrecenta cáseque un 50% respecto de 2010 (pasa de custar 64,10 euros á hora a custar 96 euros), o que conleva un negocio suculento para a empresa que resulte adxudicataria.
As nacionalistas denuncian que o procedemento empregado por EMALCSA á hora de sacar este contrato millonario é restrinxido, de xeito que só poderán presentar proposicións as empresas previamente seleccionadas e terán que ser, como mínimo, cinco. A actual adxudicataria deste servizo de limpeza de sumidoiros é Valoriza Agua, S.L., á que se lle adxudicou o contrato o 26 de abril de 2010 (BOE de 29 de maio de 2010) por 2.750.000 euros sen ive.
O tempo de resposta de servizos urxentes tamén acrecenta
As nacionalistas tamén salientan que no prego técnico (punto 5 do prego) do proceso de licitación en curso hai unha mudanza significativa respecto do prego de 2010 e é que o tempo de resposta de servizos urxentes auméntase, pasando de 20 minutos o tempo de resposta da primeira intervención, desde a primeira chamada até a chegada do equipo de limpeza hidrodinámica ao lugar de atención, a 60 minutos.