O BNG leva a Pleno unha moción para garantir a supervivencia da frota do cerco
A Coruña, 3 de outubro de 2014- O deputado portavoz de Pesca, Daniel Rodas, e a concelleira María Xosé Bravo presentaron esta mañá en rolda de prensa a moción que levará o Grupo Municipal do BNG ao pleno ordinario de outubro (que terá lugar este luns) na que exixe medidas que garantan a supervivencia da frota do cerco, a arte menor da frota con maior peso no porto da Coruña.
Nesta moción, tal e como explicou Bravo, o Bloque empraza o Concello da Coruña na medida en que o cerco é a arte menor máis significativa no porto coruñés- a rexeitar o actual modelo de reparto na pesca da xarda que estabelece a Unión Europea (UE) por ser altamente discriminatorio; a a modificar o actual reparto de cotas -no que prima o criterio de capturas históricas- por outro onde sexan preponderantes os criterios socioeconómicos e o número de tripulantes e a apoiar a frota do cerco, que reclama un Plan de recuperación da sardiña cos criterios acordados na Comisión Sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca.
Pola súa banda, o portavoz de Pesca do Grupo Parlamentar do BNG expuxo a situación agónica que está a padecer a frota de cerco e as principais especies que captura (xarda, sardiña e xurelo). No que ten a ver coa xarda, explicou que o seu reparto marxinou a frota galega, xa que o reparto se fixo en función das capturas históricas, favorecendo as grandes embarcacións e esquecendo os criterios de sustentabilidade. No que ten a ver co xurelo, que se está a converter na especie refuxio que permite a supervivencia da frota, denunciou que ao Estado español lle correspondeu 16.592 toneladas, un 26% menos das que se recibiron o ano pasado (22.409 toneladas). E, no que respecta á sardiña, advertiu de que está en risco a recuperación da especie e a sostenibililidade do sector. Así, salientou o Plan de recuperación da sardiña, que recolle as reclamacións do cerco, e que do Goberno galego se desatendeu ante Madrid.
O BNG culpa a Bruxelas e aos Gobernos do PP en Madrid e Galiza a abocar o cerco ao despezamento
O parlamentar nacionalista culpou deste preocupante contexto que padece o cerco ás decisións de Bruxelas e Madrid, moi afastadas da realidade galega. Tamén responsabilizou o Goberno galego, pois non defende os nosos lexítimos intereses. Puxo como exemplo as negociacións que se están a desenvolver entre os armadores e o Ministerio de Pesca, onde o Goberno galego só está de acompañante e elude tomar parte nas negociacións, ademais de negarse a defender os criterios que se acordaron polo conxunto do sector na Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca.
Daniel Rodas denunciou que as políticas do Partido Popular desde Madrid e desde a Xunta de Galiza abocan o cerco a un futuro incerto e ao despezamento. Neste sentido, salientou que non temos cota de xarda, a presión sobre o xurelo aumenta, esgotando rapidamente o total das capturas asignadas, e ante o esgotamento da sardiña, o Goberno central pecha a pesquería sen previo aviso e rexeita recoller os criterios do cerco galego. O Goberno central é responsábel desta situación, mentres que o Goberno galego cala, admite uns criterios de capturas históricas que son discriminatorias para a frota galega e permite uns criterios que benefician os grandes armadores, engadiu.
Por último, o deputado do BNG sinalou que a única saída a esta situación pasa por que a Xunta de Galiza defenda os intereses da frota galega e inste o Goberno central a elaborar un plan que inclúa os criterios estabelecidos na Comisión do cerco. Salientou a importancia de lograr un reparto lineal proporcional ao número de embarcacións onde se prime o número de tripulantes e os criterios de pesca responsábel.