A dous meses das eleccións, Negreira compromete 2,3 millóns para 2016 e 2017
A Coruña, 5 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG critica que a tan só dous meses das eleccións, o Goberno do Sr. Negreira comprometera un total de 2.357.719 euros de dúas obras a da praza de San Pablo e a da praza do mercado de Monte Alto- para 2016 e 2017, de maneira que compromete futuros orzamentos con fins electoralistas e hipoteca o vindeiro goberno. Así, a Xunta de Goberno Local aprobou que o groso do gasto destas dúas obras se pague en anos posteriores e que tan só se paguen 200.000 euros en total neste 2015.
Á vista da documentación da Xunta de Goberno Local, neste 2015 tan só se gastará o 100.000 euros dos 1.696.365,8 euros que custa obra de remodelación da Praza de San Pablo; isto é, tan só se pagará este ano o 6% da obra. Desta maneira, o Goberno local compromete 1 millón de euros, isto é o 59% do custo total da obra para 2016, e 596.365,80 euros, o 35% do total da obra, para 2017.
En canto á necesaria obra de rehabilitación da praza do mercado de Monte Alto, o Goberno do Sr. Negreira compromete 761.353,61 euros -o 88% do custo total que ascende a 861.353,61 euros- para o 2016 e este ano gastará tan só 100.000 euros. En relación a esta obra tantas veces demandada polo Grupo Municipal do BNG, as nacionalistas lamentan que o Goberno do Sr. Negreira esperara até as derradeiras semanas do mandato para aprobar unha actuación tan necesaria e tan reclamada pola veciñanza de Monte Alto que ben podería terse executado nestes catro anos.