O custo da obra da Mariña hipotecará as arcas municipais
O BNG reitera que a obra da urbanización en superficie da Mariña é un escándalo que alén de incumprir a legalidade urbanística, supón un inxustificábel despilfarro de cartos municipais en terreos que na súa maior parte son de Autoridade Portuaria.
O Grupo Municipal lembra que os 6.822.323,79 euros de custo global da obra conlevará que o Goberno Local hipoteque as arcas municipais para satisfacer este capricho do Sr. Negreira, no canto de dirixir estes cartos a dar respostas ás necesidades dos barrios e ás necesidades motivadas pola crise que está a vivir boa parte da cidadanía.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) reitera, ante a recepción de ofertas de empresas por parte de Autoridade Portuaria para realizar as obras de urbanización da Mariña, que a obra é un escándalo que ademais de incumprir a legalidade urbanística, supón un inxustificábel despilfarro de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade da Autoridade Portuaria, sendo dita Autoridade Portuaria a maior beneficiaria dunha actuación na que se prevé a construción de 2 edificios (de 173 e 243 m2) e 2 quioscos (de 20 m2 cada un) que van competir deslealmente coa hostelaría local.
6.822.323,79 euros é o custo global da obra.
O BNG lembra que nesta obra, financiada polo concello, o Goberno Municipal asume gastos disparatados, superfluos e algún deles sen máis finalidade que unha máis que discutíbel estética urbana, entre outros unha inútil pasarela, cun custo de execución de 684.935,72 (incluíndo o custo do traslado de tres pantaláns) ou uns bancos de até 21.038,34 /unidade.
Nunha situación económica como a actual, con máis de 23.000 persoas desempregadas na cidade, unha obra como esta, cun custo global de 6.822.323,79 , é un despropósito, un despilfarro e unha ilegalidade que conlevará que o Goberno hipoteque as arcas municipais para costear este capricho do Sr. Negreira no canto de dirixir estes cartos a dar respostas ás necesidades dos barrios e ás necesidades motivadas pola crise que está a vivir boa parte da cidadanía da Coruña.