O Concello non pode cobrarlle á cidadanía pola reciclaxe cando en Nostián non se recicla

O Concello non pode cobrarlle á cidadanía pola reciclaxe cando en Nostián non se recicla

A Coruña, 4 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo visitou os traballadores de Albada concentrados fronte á planta de Nostián desde que comezou a folga indefinida, da que se cumpre unha semana. A nacionalista, que lle transmitiu o apoio incondicional do BNG aos traballadores, pon de manifesto que o Concello da Coruña non pode cobrarlle á cidadanía pola reciclaxe cando o Goberno municipal sabe que en Nostián non se recicla. Segundo os empregados, a porcentaxe de refugallos reciclados na planta é ínfima. Este sería o motivo que levaría o Sr. Negreira a impedirlles ás concelleiras do BNG, que queren comprobar in situ a situación, a entrada a Nostián. Tamén lles prohibiu o acceso ás auditorías técnica e económica de Albada.

A concelleira do BNG acusa a empresa de chantaxear os traballadores e cualifica o Sr. Negreira de corresponsábel da situación de insalubridade que padece A Coruña. Vivir na cidade comeza a resultar nauseabundo, dadas as rúas ateigadas de lixo, nun contexto de festas e calor. Porén, o alcalde da Coruña non está nin se lle espera e mantense afastado de todo canto ten a ver coa folga. María Xosé Bravo esíxelle que medie entre a empresa concesionaria, que está a incumprir as súas obrigas e non trata o lixo, e os traballadores.

María Xosé Bravo critica as ansias sen límites de capital por parte de Albada, que quere incrementar os seus beneficios por conta de recortarlles os dereitos laborais aos traballadores. Sinala que Albada rexistrou un incremento na facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012, uns cartos que proceden dos petos do pobo a pesar da estafa social da reciclaxe. Ademais, o grupo ao que pertence, Urbaser acadou máis de 146 millóns de euros en beneficios no 2011.

 

 

Conclúe a concelleira do BNG lamentando a actitude do alcalde, que se prega aos intereses do capital e que non defende nin aos traballadores nin á cidadanía e visitantes, que sortean o lixo entre as rúas.

O Concello non pode cobrarlle á cidadanía pola reciclaxe cando en Nostián non se recicla