O Concello da Coruña súmase ao loito de Galiza
A Coruña, 26 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sumouse esta mañá á concentración que tivo lugar no día de hoxe na Praza de María Pita, unha concentración celebrada de xeito simultáneo ás 12h nos concellos de todo o país, para gardar 5 minutos de silencio polas vítimas do accidente ferroviario. O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, participou na concentración que tivo lugar fronte ao Concello de Ferrol, cidade en que se atopaba por cuestións laborais, ao ser membro de varios tribunais de traballos de fin de grao e mestrado, e cidade á que asistiu para acompañar unha compañeira da UdC con familiares vítimas do terríbel sinistro.
O BNG da Coruña volve trasladar o seu total apoio ás familias e persoas achegadas das vítimas e feridas do accidente que ten conmocionado a Galiza. As nacionalistas, que lle desexan unha pronta e completa recuperación ás persoas feridas, sumáronse e sumaranse a todos os actos convocados no país para expresar o seu pesar pola traxedia.
O BNG da Coruña quere salientar e agradecer a solidariedade dos galegos e das galegas que, desde o primeiro minuto, participaron con total entrega e sen reservas nos labores de rescate e de auxilio ás vítimas, sobrepoñéndose as circunstancias. Ademais, as nacionalistas salientan a pronta e eficiente reacción de todos os servizos públicos de emerxencia, das profesionais da sanidade e das persoas que acudiron en masa a doar sangue.
O BNG da Coruña agardan que a investigación deite luz sobre o acontecido e que se tomen as medidas precisas para que non volva acontecer unha traxedia similar.