O colectivo de universitari@s, o máis afectado pola suba do bus
A Coruña, 9 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o colectivo máis afectado polo encarecemento do billete do bus é o dos universitarios e universitarias, ao aumentarlle o bonobús un 11,1%. Esta suba do 11,1% contrasta co aumento da tarifa xenérica, que sobe un 5,8%. Ademais, cos datos xa confirmados polo Goberno municipal, o bonobús xeral encarecerase un 9,33% e o bonobús escolar, para persoas con discapacidade, desempregadas e xubiladas, un 10%.
Os nacionalistas consideran un auténtico abuso o encarecemento das tarifas do bus, que é maior para as persoas con menos posibilidades económicas. Insiste o Grupo Municipal do BNG en que hai que revisar, de inmediato, a concesión da Compañía de Tranvías e, sobre todo, a fórmula para o cálculo das tarifas, unha fórmula perversa que supón aumentar a tarifa do bus cada ano. Se a fórmula non se corrixe, sinala o BNG, os prezos do bus volverán subir o ano que vén. Está na man do Goberno municipal evitar este roubo, advirten os nacionalistas.