Co peche de Santa Bárbara demóstrase, formalmente, o paripé do alcalde
A Coruña, 28 de xuño de 2013.- O peche definitivo da fábrica de armas demostra, xa formalmente, que a postura adoptada polo alcalde ao redor deste conflito laboral foi a do paripé, a de querer quedar ben cos traballadores sabendo que non ía sacar compromiso ningún dos seus compañeiros de partido tanto na Xunta de Galiza como no Goberno central para apostar por unha diversificación industrial que impedise o peche.
O Grupo Municipal do BNG acusa o Sr. Negreira de abandonar os traballadores e de renunciar a presionar, como presidente provincial do PP, o Sr. Feijóo e os ministros de Defensa e Industria. As nacionalistas advirten de que a privatización da empresa estatal de Santa Bárbara tivo lugar baixo o mandato do Goberno de Aznar e critica que o Partido Popular, no canto de dar a cara agora polos traballadores, dá a espantada.
O BNG ve lamentábel a escasa influencia política do alcalde da Coruña, que non foi quen de impedir o peche da fábrica da Coruña. Que o centro de traballo situado en Pedralonga sexa o único que peche e que os conflitos laborais das fábricas de Palencia e de Murcia se resolveran evidencian o fracaso do Sr. Negreira. Por último, as nacionalistas aluden as palabras do Sr. Negreira, nun claro desprezo aos países da periferia, cando apuntou que General Dynamics no puede marcharse así después de 12 años... Esto no es el Trópico".