As chapuzadas do Goberno municipal provocan que non se poidan recuperar as baterías de Oza
A Coruña, 16 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira tivo acceso ao expediente do contrato de obra para a execución do proxecto de recuperación da batería de Oza, onde se revela que a restauración da batería non se puido levar a cabo pola xestión chapuceira do Goberno municipal, que se viu na obriga de dar marcha atrás e cancelar o contrato de obra por non dialogar previamente co Sergas, titular dos terreos en que se asentan as baterías.
Á vista do expediente, Avia Veira pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira fixo todas e cada unha das xestións administrativas necesarias para un contrato destas característas: proxecto, convite a catro empresas, resolución da adxudicación, comunicación da adxudicación e disposición do gasto de 18.745,93 euros (achégase en documento xunto). A concelleira do BNG explica que chegado o último momento é cando lle fai a consulta ao Sergas e este denégalle a autorización dado que as actuacións propostas poden xerar problemas funcionais aos usos actuais da zona de traballo.
Dun proxecto de recuperación das baterías a un proxecto de limpeza de vexetación
A concelleira nacionalista explica que no momento en que o Sergas rexeita a autorización, o Concello elabora a memoria de desestimento, na que propón modificar o criterio de actuación. Así, no lugar do proxecto tombado polo Sergas dada a ineficacia do Goberno do Sr. Negreira temos agora unha minucia: colocar uns módulos e instar os propietarios a realizar a limpeza da vexetación do ben (as baterías).
Salienta Avia Veira que o proxecto de recuperación tombado polo Sergas consistía en realizar dúas sondaxes arqueolóxicas (unha en cada batería), a escavación aérea na batería alta (para localizar estruturas hoxe enterradas e que posúen gran valor arqueolóxico), a elaboración dun informe e diagnóstico do estado de conservación con proposta técnica para o tratamento e/ou restauracion e a elaboración de propostas de urbanización e axardinamento para integración das estruturas arquitectónicas.
En definitiva, a chapuzada do Goberno do Sr. Negreira provoca que de recuperar as baterías de Oza pasemos agora a que, como moito, se poida acometer unha mísera limpeza de herbas e a colocación dunha sinaléctica, afirma Avia Veira.