O PP está a usar argucias administrativas para evitar o informe europeo sobre a ría do Burgo
A Coruña, 18 de outubro de 2013.- O BNG da Coruña considera que o anuncio do Goberno central sobre el inicio del trámite de consultas sobre el proxecto de dragado ambiental de la ría de O Burgo é unha cortina de fume para tratar de agochar que o relatorio crítico sobre a visita dos europarlamentares á ría está a ser adiado sistematicamente por culpa do PP. Na mesma liña, as nacionalistas non lles outorgan credibilidade ningunha ás declaracións do Goberno municipal en que anuncia a retirada de lodos da ría do Burgo no 2014. É curioso que saian á luz estes anuncios cando, esta semana, o PP volveu impedir a publicación do relatorio da visita europea á ría do Burgo.
A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, alerta de que o PP está a empregar argucias administrativas para evitar que vexa a luz o informe crítico sobre a visita da Delegación do Parlamento Europeo á ría do Burgo. De feito, a Comisión de Peticións non puido votar esta semana o informe dada a presión exercida polo PP. O relatorio, afirma Ana Miranda, debería estar publicado desde maio, mais as manobras do PP provocaron que se adiara, unha vez máis, até finais de novembro.
O anuncio do Ministerio de Medio Ambiente non implica a limpeza real da ría
O BNG sinala que o anuncio do Ministerio de Medio Ambiente non implica a limpeza real da ría, xa que simplemente se trata do comezo do trámite de consultas sobre o proxecto do dragado, máis anuncios dos de sempre, que non supoñen compromiso ningún. De feito, non existe contía ningunha dos orzamentos xerais do Estado destinadas á rexeneración da ría do Burgo.
Por último, as nacionalistas indican que chama a atención que o Goberno municipal trate de vendernos moto asegurando que a limpeza comezará no 2014 cando no Pleno deste mes tombou a moción presentada polo BNG para dotar a ría de, cando menos, 3 millóns de euros nos orzamentos de 2014 e para facer público un calendario de actuacións para a limpeza da ría.