O BNG organiza na Agra do Orzán unha asemblea aberta sobre emigrantes retornad@s
A Coruña, 16 de outubro de 2013.- O grupo de barrio do BNG na Agra do Orzán convoca para mañá, xoves, unha asemblea aberta sobre o saqueo do Goberno central, a través da Axencia Tributaria, a emigrantes retornadas. A charla, aberta ao público e, especialmente, ás persoas afectadas, contará coas intervencións do responsábel do grupo de barrio do BNG na Agra do Orzán, Antón Laxe, do emigrante retornado e membro da asociación Marusía de emigrantes retornados, Manuel Vázquez, e da membro do Consello Confederal da CIG, Dores Martínez Castelo.
Este encontro enmárcase nunha campaña informativa que está a desenvolver o BNG por todo o país co fin de anular os expedientes remitidos pola Axencia Tributaria e para informar das persoas emigrantes retornadas sobre as súas obrigas, aplicando a lei a partir de 2012 e sen carácter retroactivo desde o 2008. O BNG denuncia que os expedientes da Axencia Tributaria están a tratar as emigrantes galegas como defraudadores fiscais cando este colectivo nunca recibiu notificación algunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro. Desde o mes de febreiro estas contribuíntes recibiron requirimentos por parte da Axencia Tributaria coa posibilidade escandalosa de adiar o pago baixo a condición de sumar á cantidade requirida os intereses.
O Grupo Municipal do BNG lembra que o Partido Popular se opuxo á súa moción presentada no último pleno ordinario sobre o saqueo en que están inmersas as persoas emigrantes retornadas. Tratábase dunha moción en que as nacionalistas reclamaban a anulación dos expedientes sancionadores e mais dos requirimentos relativos aos anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012.