Catastróficos os datos da EPA: en 3 meses destruíronse na cidade perto de 8.000 postos de traballo
A Coruña, 24 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera catastróficos os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondentes ao terceiro trimestre do ano, datos que ratifican que A Coruña está peor que o resto de Galiza. A enquisa revela que hai 23.000 persoas no paro na nosa cidade, 2.000 persoas máis que o trimestre pasado e vén demostrar que nin sequera o traballo estacional do verán foi quen de frear a desfeita. Ademais, a comparación interanual da EPA apunta que hai 4.200 persoas máis no desemprego respecto do ano anterior, cando rexistraba 18.800 persoas no paro.
O máis grave, advirten as nacionalistas, son os datos de ocupación, que demostran que en só tres meses se destruíron perto de 8.000 postos de traballo na nosa cidade. Así, mentres a cifra de ocupados no segundo trimestre do ano era de 106.200, neste terceiro trimestre é de 98.400 persoas ocupadas.
Para o BNG, estes datos alarmantes ratifican a desertización industrial da cidade e que as políticas do PP conducen á miseria. Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG, que acusa o Partido Popular de ser o responsábel da destrución de postos de traballo na Coruña, esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que dea un cambio radical nas súas políticas de asfixia social e que promova os sectores produtivos, capaces de crear postos de traballo. Advírtelle de que dedicar 0 euros á rexeneración da ría do Burgo nos orzamentos do Estado é un mal paso para mudar o lamentábel panorama laboral que sofre A Coruña.