O BNG presenta unha moción en defensa do dereito das mulleres e do aborto
A Coruña, 28 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou unha iniciativa que levará ao Pleno ordinario deste luns para garantir os dereitos das mulleres e en defensa do aborto. A concelleira María Xosé Bravo reclama na moción que o Concello se comprometa a manifestarse contra a derrogación da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, "que garante para as mulleres a libre decisión sobre a nosa maternidade", sinala. Tamén demanda o mantemento desta norma e mais o desenvolvemento, por parte da Xunta de Galiza, dunha normativa propia que garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres galegas.
Ademais, insta o Concello a apoiar as iniciativas e mobilizacións reivindicativas dos dereitos das mulleres realizadas polas diferentes plataformas e asociacións galegas e, concretamente, as convocadas para os 28 de setembro, xornada en que, como hoxe, se conmemora o Día da Acción Global por un Aborto Legal. "Con motivo deste día, pedimos que, novamente, as institucións manifesten o seu apoio ao mantemento do dereito da muller a abortar, un dereito que garante a lei actual de prazos", salienta a concelleira do BNG.
Presentación das propostas de igualdade
Precisamente, a concelleira María Xosé Bravo participará esta tarde, xunto á candidata Vitoria Louro, no acto sectorial de igualdade que organiza a formación frontista a partir das 20.30 horas no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (r/Olmos, 16).
As nacionalistas darán conta das propostas programáticas coas que o BNG se presenta aos comicios do 21 de outubro, nun acto aberto ao público ao que convidan a toda a cidadanía.