O BNG reclámalle ao Goberno municipal que mellore o acceso á praia do Matadoiro
A Coruña, 7 de maio de 2016.- A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Avia Veira, advirte de que a situación actual da rampla de acceso á praia de Berbiriana (Matadoiro) non garante a accesibilidade ao rematar nunha escaleira de como mínimo seis chanzos.
As nacionalistas presentan un rogo para que o Goberno municipal elimine as dificultades de acceso no tramo final da rampla que ten 6 chanzos cara o areal
Veira sinala que este acceso é o máis empregado e é o único destinado a persoas con mobilidade reducida e pais e nais con carriños para nenos e que salva a rasante desde o paseo marítimo. É por iso que o BNG vén de rexistrar un rogo no que reclama que se realicen melloras e no que aporta sendas fotos nas que se pode observar como esta situación obriga a que as nais e os pais deixen os carros das súas crianzas no último tramo da rampla ao carón da varanda sen poder achegalos ao areal.
O Bloque explica que realiza esta proposta antes da chegada do período estival, e do comezo de uso masivo dos areais urbanos da cidade, para que así se realicen as actuacións necesarias para eliminar as barreiras no acceso á praia do Matadoiro, e co obxecto de permitir un acceso universal e de acordo ás normas de accesibilidade en espazos urbanos.
Dáse a circunstancia que en xuño de 2011, este mesmo Grupo Municipal presentou outro rogo escrito no que se solicitaba do goberno anterior acometer as actuacións necesarias para que se eliminaran as dificultades de acceso que naquela altura se tiñan detectado, mais a solución que finalmente se realizou agravou a situación, sinalan.
Preme aquí para ver a iniciativa presentada