Carril: "A solución pasa por termos poder para decidir por nós mesmos sobre a economía"
A Coruña, 17 de xullo de 2013.- Monte Alto acolleu na tarde de hoxe un novo acto público enmarcado na campaña polo Día da Patria, que o BNG da Coruña celebra baixo o lema Galiza pola soberanía, un acto en que interveu o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, veciño do barrio. O concelleiro nacionalista expresou, na súa intervención, a necesidade imperiosa de termos o poder de decidir por nós mesmos. Non nos deixan traballar nas nosas rías, temos o exemplo aquí ao lado, onde non nos permiten nin faenar nin tan sequera limpar a ría do Burgo. Por que será, por sermos galegos e galegas?, expresou. Quítannos o tren, cada vez quedamos máis incomunicados co resto da comarca e con Ferrol. Por que será, por sermos galegos e galegas?, continuou. Acaban co noso aforro, de feito, róubannos coas preferentes e impídennos recuperar os nosos cartos. Por que será por sermos galegos e galegas?, salientou. Afunden a nosa pesca e o noso naval, agora máis, ao certificarse a devolución do tax lease entre o 2007 e o 2011. Por que será?... Por que será? preguntouse o nacionalista como mostra de que cómpre ter poder político para poder adoptar as decisións desde Galiza e para os galegos e galegas.
Despois destes exemplos, Carril advertiu de que quedan dúas opcións: deixarmos de ser galegos e galegas, que de nada serviría, ou ter poder para decidir por nós mesmos; é dicir, sermos soberanos e soberanas. A solución está clara: só con soberanía, só con capacidade de determinar que é mellor para os nosos recursos e para Galiza poderemos ter un futuro digno e poderemos traballar na nosa terra, subliñou. Así, chamou a soltármonos do lastre histórico da Unión Europea e do Estado español.
A continuación, o portavoz municipal do BNG sinalou que o sistema está podre por todas as partes: desde a monarquía até o Goberno, con mostras máis que notorias de corrupción. Lendo un extracto de A Nosa Terra, de 25 de xullo de 1920, editado por aquel entón na Coruña, Carril salientou que xa polo 1920, os nosos predecesores apuntaban que para cantos tiveren a idea da propia estimación, o Día da Patria representaría o principio do fin, tanto tempo desexado polos verdadeiros galegos e galegas. Dicían entón que comezaría unha nova vida na que a cruzada dos pobos traballadores para conquirir a liberdade de traballar e a soberanía nacional non sería xa impedida polas vampirescas oligarquías centralistas, engadiu.
Ademais de Xosé Manuel Carril, no acto público interviron o responsábel do grupo de barrio, André Laxe, a activista feminista Vitoria Louro, responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, que expuxo como a crise prexudica máis as mulleres, e unha directora dun centro de ensino da cidade, quen falou das consecuencias nefastas da LOMCE.