Carril sinala que os orzamentos galegos dificilmente servirán para crear emprego
A Coruña, 21 de outubro de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, sinalou, en resposta ás preguntas dos medios, que os orzamentos da Xunta de Galiza para 2015 dificilmente servirán para crear emprego e para reactivar a economía, xa que non destinan nin un só céntimo aos sectores estratéxicos produtivos, como é o caso da ría do Burgo, á vez que dedican millóns a auténticos dispendios económicos que non teñen sentido ningún, pois non xeran riqueza nin emprego, como é O Parrote.
Carril insistiu en criticar que as contas galegas destinen 0 euros para investimentos en sectores estratéxicos produtivos que xerarían miles de postos de traballos e, polo tanto, riqueza e benestar, á vez que destinan 2 millóns de euros para o Parrote. Engadiu que os 2 millóns que recollen os orzamentos da Xunta de Galiza para as obras do Parrote van na idea de concibir A Coruña cun epicentro excluínte, que sería a cidade metáfora do Parrote, unha cidade elitista e excluínte, fronte á cidade de barrios, á periferia, que está totalmente excluída.
En relación á cidade dos barrios, que o PP mantén excluída, Carril puxo de manifesto que simplemente se pode ir ás Xubias, a Visma, a Feáns ou aos Rosales, onde hai lugares en que nin sequera hai beirarrúas e polos que a veciñanza ten que atravesar con botas. Ironizou con que, a este paso e coa temporada de chuvias, a xente terá que ir en piragua por estas zonas. Contrastou este abandono dos barrios co Parrote, onde, salientou, dentro de pouco poderemos ir descalzos, porque é un sitio chic, marabilloso e exclusivamente para aquelas persoas que poden estar aí.