Carril salienta que os orzamentos municipais medran pola suba dos impostos
A Coruña, 6 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica que Carlos Negreira, o milagreiro, pretenda facernos crer a todas que os orzamentos municipais soben sen subir os impostos municipais. Apuntan as nacionalistas que o incremento do orzamento municipal evidencia que os impostos non se conxelaron, senón que aumentaron. De onde veñen eses cartos senón de que o pobo teña que pagar máis vía impostos, visto que a actividade económica da comarca e da cidade está en horas baixas?, pregúntanse. Como sobe o orzamento senón? Engaden.
O BNG pon de manifesto que nos últimos tres anos os orzamentos municipais non se conxelaron e que o PP fixo pagar a todo o mundo por igual, sen contemplar sistemas de bonificación que permitan pagar en función da capacidade económica de cada persoa. Isto, advirten as nacionalistas, evidénciase, sobre todo, no Imposto de Bens Inmobles (IBI) sinaladamente.
Alén de alertar de que os orzamentos municipais de 2014 soben respecto dos orzamentos de 2013 polo incremento dos impostos, o Grupo Municipal do BNG denuncia a escasa credibilidade do Goberno do Sr. Negreira en relación aos investimentos. E é que, a mes de outubro, segundo os datos do modificativo de crédito, a execución dos orzamentos actuais non chegaba ao 32%; é dicir, o pasado mes, o PP tiña sen executar o 68% dos investimentos reais.
Por último, o BNG salienta que no caso do túnel do Parrote, o alcalde debería falar de malgasto e non de investimento. Lembran as nacionalistas que o Concello non debería financiar nin un céntimo desa obra, na medida en que se trata dunha actuación en terreos que son competencia da Autoridade Portuaria, e non municipais.