O BNG, ao lado dos traballadores de Alcoa
A Coruña, 26 de setembro de 2012.- Unha vez máis, o BNG amosoulles o seu apoio aos traballadores de Alcoa. O portavoz no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril e o concelleiro Xan Caxigal, participaron na concentración convocada polos empregados esta mañá fronte á Delegación do Goberno, onde os nacionalistas exixiron unha tarifa eléctrica reducida co fin de manter os postos de traballo e medidas para evitar a deslocalización das plantas da Coruña e de San Cibrao.
Carril pon de manifesto que o BNG reaccionou desde hai meses ao problema das plantas de Alcoa en Galiza, con presentación de numerosas inciativas, nas diferentes institucións, co fin de garantir a actividade industrial da empresa. Dadas as informacións coñecidas nos últimos días, o nacionalista sinala que "é evidente que nin o Goberno municipal, nin a Xunta de Galiza nin o Goberno central se preocuparon por solucionar o futuro dos empregados de Alcoa".
O BNG esixe unha tarifa eléctrica reducida co fin de garantir os postos de traballo
Lembra Carril que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno central se comprometeron a dar unha resposta sobre a tarifa eléctrica a finais de agosto. Porén, a día de hoxe, nada se sabe sobre se Alcoa vai pode dispor unha tarifa enerxética competitiva antes do 5 de outubro, cando a empresa pechará os contratos cos seus clientes para o vindeiro ano. Os custes enerxéticos supóñenlle xa a Alcoa entre o 35 e 40% da súa produción en Galiza.