O BNG exixe a limpeza da maleza próxima á urbanización Bahía da Pasaxe
A Coruña, 10 de abril de 2015.- Froito da iniciativa veciñal, o Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dun rogo en que lle solicita ao Goberno do Sr. Negreira a roza da maleza situada nos solares próximos á urbanización Bahía da Pasaxe, na rúa Luís Pita. E é que a altura e a cantidade de vexetación, tal e como denuncian os veciños e veciñas, representa un auténtico perigo no caso de incendio.
As nacionalistas insisten na necesidade de que o Concello da Coruña controle e adopte os mecanismos oportunos para rozar a maleza de solares sen limpar antes de que comece a época estival. Neste sentido, advirten da importancia do control e da limpeza para evitar incendios.