O BNG celebra un acto reivindicativo polo #8M
A Coruña, 6 de marzo de 2015- A Comisión de Acción Feminista do BNG da comarca da Coruña celebra ás 20h diante do Teatro Rosalía unha actividade lúdico-reivindicativa para enxalzar a visibilidade, a presenza e o papel protagonista das mulleres en todos os eidos da vida. Con este acto, en que se representarán esceas da vida cotiá que sufrimos as mulleres, as nacionalistas queren salientar que non é momento de renunciar nin de decaer, senón que é hora de irmos a por todas.
Nesta liña, a Comisión de Acción Feminista do BNG porá de manifesto que as mulleres aspiramos a conquistar o futuro; a camiñar cara a unha sociedade xusta e solidaria e a derrubar os muros da opresión, coa ilusión de que é posíbel construír pontes. É hora de nos tornar visíbeis, de tomar as rendas, de abandonar os discursos retóricos e apostar pola transformación real. Iniciemos este novo tempo coa alegría de todas as mulleres traballadoras: das estudantes, das loitadoras, das cantantes, das creadoras, das investigadoras, das mestras, das doutoras, das enfermeiras, das mariscadoras, das gandeiras, das escritoras, das actrices, das redeiras, das que fan política. As mulleres galegas. María, Xoana e Celia, traballadoras sociais. Carme, Dores e Uxía, redeiras. Sabela, Mónica e Ledicia, desempregadas. Milleiros das imprescindíbeis, das que, coa súa entrega e a súa vida, constrúen este país, recolle o manifesto que lerán as nacionalistas na tarde de hoxe.
O BNG rexeita participar no acto do Goberno local da Coruña
Máis un ano, o Grupo Municipal do BNG da Coruña negouse a participar no acto institucional convocado polo Goberno do Sr. Negreira con motivo do 8 de marzo por tratarse dunha nova farsa do Partido Popular. As nacionalistas, que foxen do carácter testemuñal, cerimonial e anestesiante que o PP pretende darlle ao Día da Muller, lamentan a hipocrisía do Goberno do Sr. Negreira, que no pleno ordinario que tivo lugar o pasado luns, impediu os debates das mocións presentadas polo BNG relativas aos dereitos das mulleres. O Goberno do Sr. Negreira sacou de diante as reivindicacións das formacións políticas coa lectura dun comunicado que non foi nin consultado co resto da Corporación e que recollía unha boa cantidade de falsidades e de incoherencias a respecto da política práctica do Partido Popular.