Carril: O PP centraliza os investimentos públicos na zona do Parrote á vez que crea unha periferia"
A Coruña, 28 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e a concelleira nacionalista María Xosé Bravo reuníronse na mañá de hoxe coa Directiva da AVV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules para recoller propostas de cara a presentar reclamacións aos orzamentos municipais de 2014. En declaracións aos medios, logo de rematar a xuntanza, Carril desprazouse á praza do mercado municipal de Monte Alto para denunciar que o Goberno do Sr. Negreira está a focalizar todo o investimento público nunha zona concreta da cidade, no Parrote e na Mariña, creando un centro e barrios periféricos excluídos e marxinados.
Denunciou Carril que os orzamentos municipais de 2014 contemplan un empréstito de 4 millóns de euros para o túnel da zona O Parrote-A Mariña cando os barrios, con necesidades prioritarias, están a sufrir un deterioramento importante. Isto pode demostrarse acudindo a espazos públicos da cidade, como esta praza do mercado municipal de Monte Alto onde, dada a falta de mantemento, cada vez que chove créanse pozas de auga que duran días, sinalou. O portavoz nacionalista amosou unhas fotografías en que se ven unhas veciñas do barrio sentadas nun banco cun cartón baixo os pés para estaren illadas da auga.
Espazos públicos como a praza do mercado de Monte Alto requiren de actuacións prioritarias e mesmo primarias, porén, estas actuacións non van ter lugar porque o PP centra todo o investimento público na zona do Parrote e da Mariña, insistiu Carril, quen puxo de manifesto que, precisamente por iso, o BNG está a recorrer os barrios da cidade para recoller as achegas propostas pola veciñanza para presentar reclamacións aos orzamentos de 2014.
O BNG recollerá as propostas das entidades veciñais nas reclamacións aos orzamentos municipais de 2014
Amais das propostas recollidas por Carril e Bravo esta mañá en Monte Alto, o BNG conta xa coas demandas das entidades veciñais de Bens, de San Pedro de Visma, dos Rosales, da Agra do Orzán e do Castrillón. O BNG tamén visitará esta tarde o barrio de Novo Mesoiro. Desde hai 20 días, mantemos reunións coas veciñas e veciños para presentarmos reclamacións aos orzamentos municipais de 2014, pois non son nin participativos nin participados, posto que non se elaboraron tendo en conta as necesidades reais da xente, concluíu o portavoz do Grupo Municipal do BNG.