Carril: "A política fiscal do Goberno municipal afoga a cidadanía e alivia a Autoridade Portuaria"

Carril: "A política fiscal do Goberno municipal afoga a cidadanía e alivia a Autoridade Portuaria"

A Coruña, 29 de outubro de 2012.- O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, debullou esta mañá en rolda de prensa as ordenanzas fiscais e de prezos públicos cuxo proxecto de modificación foi aprobado o pasado venres en Xunta de Goberno Local. "Estas ordenanzas, que seguen na liña das políticas de asfixia social que practica o PP en nome da austeridade, afogan moito máis a cidadanía", sinalou. "E, pola contra, son unhas ordenanzas que alivian os negocios da Autoridadade Portuaria, á vez que sobe o IBI, a auga, o uso de instalacións culturais e deportivas, as hortas urbanas, ou os servizos relacionados con animais domésticos", engadiu. Así, debotou a conxelación de impostos para a cidadanía da que presume o Goberno municipal e advertiu de que "só hai conxelación para a Autoridade Portuaria, á que o Sr. Negreira lle perdoa máis de un millón".

Carril expuxo todos os factores que, ademais da suba do IVE por parte do Goberno central, poñen de manifesto que hai un encarecemento da vida para os veciños e veciñas da Coruña. Así, apuntou que as persoas que xa recibiron o novo recibo do IBI decataríanse de que teñen que pagar un 10% máis este ano, en relación co aprobado no 2011 polo Goberno de Rajoy.

Tamén indicou que sobe o recibo da auga, gravando máis o uso da auga para o consumo doméstico e as taxas por depuración e sumidoiros. Explicou que se producen cambios que penalizan as persoas consumidoras de 1,5 metros cúbicos ou inferior, é dicir, as persoas que menos consumen, que se estabelece unha nova taxa de 12 euros para as altas no servizo da auga, que aumenta un 1,5% o subministro de auga potábel para todos os concellos da comarca e que se encarece nun 460% o servizo de depuración en un 55% o de sumidoiros.

Ademais de dar conta do aumento dos prezos por empregar as instalacións culturais e deportivas e de determinados servizos relacionados cos animais domésticos, Carril denunciou as taxas que o Goberno municipal lles aplicará ás hortas urbanas, unha iniciativa cuxa filosofía sería o réxime de autoxestión e como complemento económico das persoas que as traballasen. Ademais da xestión das hortas por parte dunha empresa privada, o Goberno do Sr. Negreira acordou cobrar 50 euros por inscripción e 25 euros ao mes.

A dupla vara de medir do Sr. Negreira: faille pagar máis á cidadanía mentres lle perdoa 1 millón á Autoridade Portuaria, cuxos beneficios foron de 17,3 millóns no 2011

Carril contrapuxo a suba de impostos xeneralizada para a cidadanía, que, sumado á rebaixa dos salarios, sufrirá un grande encarecemento da vida, co aforro de 1.096.305 euros á Autoridade Portuaria. "Resulta curiosa esta conxelación do 0,6% do IBI para a Autoridade Portuaria e as concesionarias, entre elas, Copasa cando se lles sobe este imposto a grupos como a refinería ou os túneles e autoestradas, suba que o BNG comparte", sinalou.

"Constatamos, unha vez máis, a dupla vara de medir do Sr. Negreira: as persoas que viven na Coruña terán que pagar moito máis e á Autoridade Portuaria, que xa recibe inxentes cantidades de cartos municipais por outras vías, perdóaselle un millón de euros. A este respecto, Carril puxo de manifesto que o millón que deixa de ingresar o Concello podería ser empregado para reforzar os servizos sociais. Lembrou o portavoz nacionalista que as ordenanzas para 2013 volven contemplar o copagamento no servizo de axuda a domicilio que, precisamente, equivale ao millón de euros que o Goberno do Sr. Negreira lle perdoa á Autoridade Portuaria.

Carril anuncia emendas ás ordenanzas e a presentación dunha moción co fin de obter unha política fiscal máis xusta e equitativa

Por último, o portavoz do Grupo Municipal do BNG afirmou que "é posíbel outra fiscalidade máis xusta e equitativa". Puxo como exemplo as emendas e a moción presentadas o pasado ano polos nacionalistas co fin de que as ordenanzas tivesen en conta a situación económica e social da cidadanía da Coruña e anunciou a presentación de emendas a estas modificacións e mais unha moción nesta mesma liña, co fin de que se introduzan criterios sociais. Carril adiantou que as emendas do BNG irán na liña de beneficiar os colectivos sociais que máis sofren a crise, como as persoas desempregadas, as persoas perceptoras de pensións mínimas ou as persoas titulares de pequeno e mediano comercio.

"Solicitarémoslle ao Goberno municipal que faga un corte transversal na política fiscal para que lle reduza a carga impositiva a estes colectivos e pedirémoslle que pague máis quen, atendendo ao criterio de xustiza, teña que pagar máis, e que paguen menos as persoas cunha capacidade económica reducida", concluíu.

 

Carril: "A política fiscal do Goberno municipal afoga a cidadanía e alivia a Autoridade Portuaria"