Vence: "A candidatura de #TodasAsCoruñas é a verdadeira candidatura do pobo"
A Coruña, 23 de abril de 2015- O Campo da Leña acolleu na tarde de hoxe a caravana coa que o BNG-Asembleas Abertas está a percorrer #TodasAsCoruñas con motivo da presentación pública da candidatura encabezada por Xosé Manuel Carril, a verdadeira candidatura do pobo, a inclúe todos os movementos sociais e #TodasAsCoruñas, salientou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, antes de resaltar a figura de Carril, o que definiu como traballador excepcional que compatibiliza o seu labor como docente universitario coa defensa dun proxecto político nacionalista de esquerdas desde o concello, un exemplo de honradez e de compromiso social que defende unha Coruña do benestar para todos e todas, e non só para un puñado de privilexiados.
Carril e o resto de homes e mulleres que integran a candidatura BNG-Asembleas Abertas son a antítese da podremia que invade o PP en descomposición aquí na Coruña, e no conxunto do Estado, a antítese dun PP asolagado pola corrupción, a antítese dun Negreira a quen lle piden contas no caso Pokemon, a el e o seu compañeiro de filas na Deputación, ese aprendiz de Baltar coruñés que é Diego Calvo, sinalou Vence, antes de salientar que A Coruña ten no proxecto BNG-Asembleas Abertas unha alternativa nacionalista de esquerdas para o 24 de maio derrotar as políticas de recortes do PP, recortes de servizos públicos, de prestacións sociais, de liberdades, políticas que marca Rajoy e que en Galiza seguen con fiel submisión Feijóo e Negreira.
Queremos liderar a alternativa ao PP na Coruña para poder pasar páxina dun goberno incompetente e inxusto que nada ten feito pola maioría social desta cidade, polos seus barrios, polo comercio local, polos servizos públicos. Que logros pode presentar o PP de Negreira? Ningún, salvo ser o protagonista da corrupción en apenas catro anos de mandato, cun goberno paralizado e paralizante, criticou Vence. Igualmente, lamentou o desleixo de Negreira pola cultura e a lingua do país, mentres promove unha cultura paifoca e subvenciona touradas.
O dirixente nacionalista tamén fixo fincapé en que o BNG-Asembleas Abertas ten un proxecto para A Coruña e para o conxunto do país, un proxecto ao que queremos sumar a toda a cidadanía rebelde que quere pasar a páxina do PP, e ese cambio vai empezar nos concellos o 24 de maio, concluíu.
Carril recupera a figura de Inés de Ben como símbolo do pobo que berra non temos medo, temos fame
Na súa intervención, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, recuperou a historia da esquecida Inés de Ben, que simboliza o pobo que berra no presente non temos medo, temos fame. Ese pobo empobrecido polas políticas de asfixia social daqueles partidos políticos españois que actúan como xestorías dos mercados, da banca, das grandes empresas e das grandes fortunas, sinalou. Eles están máis enriquecidos e as maiorías sociais estamos máis empobrecidas, afirmou Carril, eles son corruptos e impunes e as maiorías sociais, pola contra, somos máis castigadas con porrazos, detencións, sancións e denuncias nos tribunais por cuestionarmos as súas políticas desde a democracia e a soberanía. Precisamente, desde a soberanía e desde o poder de decisión, defendeu, podemos resolver o conflito capital/traballo, a explotación duns poucos sobre moitas persoas.
Carril denunciou, a continuación, a política do Partido Popular na Coruña, ao que acusou de pensar sempre nuns poucos. Así, criticou as obras da Mariña e do Parrote e o urbanismo a gusto dos grandes promotores; a privatización e desmantelamento dos nosos servizos públicos municipais; a política da caridade ou as concesións administrativas pensadas no lucro de empresas privadas. Tamén sinalou que o Goberno do PP conduce A Coruña cara un deserto industrial e apostou por potenciar os sectores produtivos para crear emprego. Referiuse ás actividades marítimo-pesqueiras do porto, aos polígonos industriais, á Ría do Burgo, á Universidade da Coruña, ao pequeno e mediano comercio e aos mercados municipais.
Na súa intervención, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas referiuse a #TodasAsCoruñas, simbolizada no Campo da Leña pola caravana, esa viaxe de ilusións, dignidade e compromiso que estamos a facer pola cidade que queremos vivir sen exclusións. Queremos que se coñezan todas as Coruñas para que se viva a nosa cidade desde a igualdade. Reivindicou tomar partido por #TodasAsCoruñas para que o Concello sexa un modelo de institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común.
Carril rematou a súa intervención apelando o recentemente finado Eduardo Galeano e a Castelao. Deste xeito, aludiu aos espazos das persoas e do pobo que sofren e que forman esa resistencia colectiva de base, transformadora e emancipadora, que avanza sen parar como os «ninguéns» de Galeano, ou que avanza sen parar como a «infinida moitedume de luciñas e vagalumes» da que falaba Castelao.
No acto de presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, conducido pola actriz e número 7 Isabel Risco, tamén tomaron a palabra a concelleira e número 2 da candidatura, María Xosé Bravo, e activistas integrados e integradas na listaxe encabezada por Carril e que encarnan as distintas loitas das clases populares. María Xesús Seixo, número 10, defendeu a sanidade pública; Fernado Souto, número 9, reivindicou a memoria histórica e o labor do BNG nos últimos anos; Anxo Sánchez, número 5, falou do desemprego xuvenil; Marisol Mirás, independente que ocupa o número 3, falou de participación, e Djiby Fall e Cheikh Faye, número 13 e 19 respectivamente, transmitiron os problemas das persoas migrantes.
Intervención de Carril no acto de presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas