Carril lembra que o BNG xa denunciara en decembro de 2011 a revisión de prezos do contrato da ORA
A Coruña, 5 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego lembra que xa en decembro de 2011 denunciara que o Goberno municipal do Partido Popular revisase de oficio o importe a pagar desde maio de 2008 á concesionaria da ORA, Grupo Europeo de Servizos Doal S.A., pertencente ao Grupo Vendex, sen que esta empresa solicitase, nin pedise a revisión, obtendo así, importantes ingresos.
Esta denuncia feita no seu día polo BNG, sinalan as nacionalistas, é obxecto de investigación da trama da Operación Pokemon no Concello da Coruña, coñecida por Pikachu, como consta no sumario cuxo segredo foi parcialmente levantado a pasada semana.
Alén disto, as nacionalistas, sinalan, ante as declaracións de membros do Goberno local ante o levantemento parcial da operación Pokemon, que unha cousa é a responsabilidade penal e outra a responsabilidade política, e o que está claro e que se deduce da parte do sumario que xa se coñece é que cargos políticos do Partido Popular con responsabilidades executivas e de goberno utilizaron as súas funcións con fins espurios.