O BNG urxe o Sr. Negreira a que dea a coñecer xa o PMUS para garantir a participación cidadá
A Coruña, 6 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego urxe o Goberno do Sr. Negreira a dar a coñecer canto antes o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel para permitir que os períodos de información pública e de alegacións se desenvolvan con tempo abondo para que participe o máximo número de coruñesas e de coruñeses.
O Goberno do Partido Popular non pode agardar a última hora para tramitar o PMUS usurpándolle á cidadanía o dereito a participar nos períodos de información pública e de alegacións
Así mesmo, se o PMUS se aprobar inicipalmente con tempo suficiente para garantir estes períodos de información pública e de alegacións tamén será posible telo rematado e aprobado finalmente antes de que venza o prazo para solicitar a subvención estatal ao transporte público.
As nacionalistas lémbranlle ao Sr. Negreira que, segundo a Nota informativa do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas relativa á subvención estatal ao transporte público para o ano 2014, os concellos deberán acreditar que disponen do preceptivo Plan de Mobilidade Sustentábel debidamente aprobado con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.
A lentitude do Goberno municipal na tramitación do Plan pode facer que o Concello da Coruña fique sen a subvención estatal e que teñamos que financiar a Compañía de Tranvías por conta das coruñesas e dos coruñeses cos 1,5 millóns que se prevían ingresar por parte do Estado
O BNG advirte de que a irresponsabilidade e a lentitude coa que o Partido Popular está a tramitar o PMUS pode provocar que as coruñesas e os coruñeses teñamos que financiar con 1,5 millóns de euros máis á Compañía de Tranvías xa que, se o Goberno municipal non tiver o PMUS aprobado a tempo, o Concello da Coruña quedaría sen a subvención e deixaría de ingresar ese millón e medio previsto nos Orzamentos municipais.
Unha subvención cada ano menor
O Grupo Municipal do BNG lembra que cos anos a cantidade concedida para esta subvención ao transporte público foi diminuíndo e que a cifra que estaba prevista ingresar nos orzamentos municipais era irreal.
Mentres no 2010, o Concello recibiu 2.093.748,74 euros do Estado para o autobús; en 2011, a cantidade reduciuse a 1.934.824,44 euros;en 2012, o recorte era aínda maior, con 1.423.688,18 euros e no 2013, recibe só 1.217.253,08 euros.