"A INÉS REY FÁLTALLE TALANTE E HUMILDADE", REMARCA AVIA VEIRA
O BNG dá por rotos os acordos co Goberno Local por este os incumprir sistematicamente
A portavoz do BNG e candidata nacionalista á Alcaldía, Avia Veira, anunciou esta mañá que o Bloque dá por rotos os acordos co Goberno Local -o de investidura e o relativo aos orzamentos de 2026- dado que o executivo de Inés Rey os ten incumprido sistematicamente.
“Xa non aturamos máis incumprimentos por parte dun Goberno Local esgotado e cunha situación interna, de falta de cohesión, insostíbel. E quen paga os pratos rotos son as coruñesas e coruñeses”, afirmou Veira.
A Inés Rey fáltalle “talante” e “humildade”. Dirixe un Goberno Local, anotou, que se comporta como se tivese maioría absoluta, cando nin sequera a ten simple. Interpelada polos medios sobre se se puidese reconducir a situación, foi moi clara: non ve motivos para agardar que o Goberno Local vaia facer agora o que non fixo durante todo o mandato.
“A alcaldesa está cos ollos e ouvidos tapados. Non escoitan a cidade. Non coñecen a cidade que pisan. Actúan sen a máis mínima planificación. Ao ter centralizado todo o poder nunha soa perdoa, sumiron A Coruña nunha parálise progresiva”, remarcou.
O BNG vai continuar a facer propostas en positivo e a lle trasladar ao Concello as demandas e as inquietudes das coruñesas e coruñeses. “No Pleno anterior aprobamos dúas cuestións relativas ao fomento da vivenda pública. Sempre que se traia algo positivo ao Pleno, terá o noso apoio. Mais, dado os incumprimentos sistemáticos por parte do Goberno Local, desde logo desde agora sentímonos absolutamente liberadas de ningunha atadura”, subliñou.
Xa non aturamos máis incumprimentos por parte dun Goberno Local esgotado e cunha situación interna é insostíbel. E quen paga os pratos rotos son as coruñesas e coruñeses
A política obriga sempre a chegar a acordos e a pór por diante o ben común, o interese xeral e, no noso caso, o benestar das coruñesas e os coruñeses.
“Sobre esa premisa construímos a nosa acción neste mandato, e tamén no anterior. Así, chegamos aos acordos de investidura, 2019 e 2023, e aos acordos orzamentarios, 2024 e 2026”, relatou.
Mais os acordos asínanse para seren materializados, non para seren incumpridos. “E a realidade é que o Goberno Local os incumpriu sistematicamente”, alegou.
“Estas últimas semanas, no BNG da Coruña dedicámoslle tempo a analizar esta cuestión. Tamén a responder outra pregunta. Inés Rey dixo que se presentara ás eleccións en 2019 cunha idea forza, a de que A Coruña funcionase. E eu pregúntome, A Coruña funciona 7 anos despois?”, acrecentou.
Nese sentido, Veira foi facendo unha diagnose área a área para tirar a conclusión de que o Goberno Local está moi lonxe de conseguir que A Coruña funcione.
Persoal do Concello
“Propuxemos unha Relación de Postos de Traballo nova. O que obtivemos do Goberno Local foi ir mudando a RPT actual a medida dos intereses dunha parte dese goberno. Un Goberno Local que trata de expedientar unhas funcionarias de Urbanismo por facer o seu traballo ou ten apartado un funcionariado enormemente formado e valioso sen apenas tarefa.
Nós propuxemos unha nova RPT. Propuxemos que se valore e respecte o persoal do Concello. O Goberno Local traballou en contra desas propostas”.
Economía
“Vemos o comercio local abandonado, os mercados municipais presentan deficiencias importantísimas e, canto ao turismo, si se aprobou a taxa turística, pero non se está a utilizar o que se recada con ela para impulsar un turismo sostíbel”.
Mobilidade
“Aquí estamos fartas de incumprimentos. Fixemos moitísimas propostas: melloras no transporte público, carril bus, mellora de horarios, de frecuencia, reordenación de liñas, a mellora do carril bici, que se rescaten os aparcadoiros públicos... Non se atendeu ningunha desas propostas. Non se licitou o prego do transporte público, non temos un novo plan de mobilidade...”
Política social
“Propuxemos un Plan de Inclusión Social, moi ben valorado polo tecido asociativo da cidade. Propuxemos un Plan de Accesibilidade Universal, moi necesario para todo o mundo ter acceso aos edificios públicos e tamén ás rúas. Nada de nada por parte do Goberno Local. Propuxemos melloras na rede de escolas infantís municipais e xa vemos os pregos que sacou o Goberno Local en que non se atenden ningunha das demandas das educadoras das crianzas de 0 a 3 anos”.
Deportes
“Aquí vemos como se empeoraron as condicións laborais das traballadoras e traballadores das conserxarías das instalacións deportivas. Como se retiraron as oficinas da atención ao público na Torre e no Barrio das Flores. O BNG propuxo que se estudase a construción dunha pista de atletismo. O Goberno Local non fixo nada. Anunciaron un Plan de Instalacións Deportivas, a proposta do BNG, pero o asunto ficou niso, nun anuncio.
Que pasa coas piscinas municipais? Non pode ser que fechemos a de Riazor por déficits na súa infraestrutura ou que teñamos a piscina do Club do Mar como unha lousa para a economía dunha institución tan emblemática na nosa cidade, con máis de 7 mil socios”.
Cultura
“Propuxemos impulsar a Fundación Luís Seoane e o que temos é unha dirección nomeada desde hai anos de maneira provisoria. Sacouse unha praza de dirección que foi absolutamente polémica. Non se convocou novo concurso. A parálise é total. Nin sequera hai noticias de convocatoria do Padroado.
Sobre o Programa de Lecer, continúa a precariedade. Non sabemos cando se vai adxudicar o novo contrato nin cando van comezar as actividades de outono”.
Propuxemos para os orzamentos de 2026 que se sacasen bolsas para a creación artística. Nada. Propuxemos unha campaña de fomento da lectura, que se celebrase o Día do Libro, cunha festa e unha Semana do Libro. Nada.
Propuxemos a modernización dos museos científicos. Non se fixo. O Goberno Local tenos paralizados desde hai anos.
Propuxemos que o Goberno Local actualizase o contrato das bibliotecas municipais -está caducado-, que se avanzase na unificación da rede, que houbese un proxecto de bibliotecas para esta cidade. O Goberno Local ten sumidas as bibliotecas municipais nunha sorte de inercia.
Temos o Ágora e o Colón sen dirección”.
Memoria Democrática
“Fixemos múltiples propostas para cumprir a Lei de Memoria Democrática. Temos o compromiso do Goberno Local no Consello da Memoria Democrática. Pero ese compromiso quedou en nada”.
Vivenda
“A política de vivenda resúmese no que aconteceu nas últimas semanas. Hai desafiuzamentos e o Goberno Local non é capaz de reparar 40 vivendas municipais para as pór a dispor das coruñesas e os coruñeses en rexime de alugueiro”.
Educación
“Falta de mantemento dos coles públicos. O Goberno Local non exerce a súa obriga de mantemento dos centros. As deficiencias son múltiples, coas comunidades educativas a reivindicar a acción do Concello. Temos o exemplo do problema de accesibilidade do Rosalía de Castro co ascensor, o problema do Emilia Pardo Bazán co edificio cedido á ANPA pendente de arranxo...”.
Participación
“Todos os organismos de participación están paralizados. Levamos anos a esixir que se convoquen os consellos municipais de cultura, da lingua, de deportes, de inclusión social, de saúde, que bote a andar de vez o Consello Económico e Social.
A Comisión Municipal de Suxestións e Reclamacións tampouco se convocou durante este mandato. Ten que tomar nota das demandas das coruñesas e coruñeses e tiña que se convocar no mínimo unha vez ao ano”.
Medio Ambiente
“Aquí está a xoia da coroa. Esa planta de Nostián. Aquí a licitación polo de agora ficou deserta. E tivo que se volver estudar o concurso. Pero é que se sacou a licitación para empeorar a planta. Porque Nostián ten que servir para promover a reciclaxe. Hai que reducir os envases, non aumentar os envases que é o que se propón no novo contrato”.