O BNG denuncia o caos no Birloque polo corte da avenida de San Cristovo
A Coruña, 21 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia o caos que está a ter lugar ao longo do día de hoxe no Birloque pola falta de previsión do Goberno do Sr. Negreira en relación ao corte de tráfico da avenida de San Cristovo, xa que só se limitou a enviar unha patrulla da polícia local. Segundo lle transmitiu a veciñanza ao BNG, durante a mañá déronse problemas na nova parada de autobús das liñas 21 e 23 e o pequeno comercio da rúa Lonzas viuse afectado por impedírselles aos vehículos de reparto o acceso.
As nacionalistas fanse eco da inquedanza dos veciños e veciñas do Birloque pola falta de seguridade para os peóns na nova estrada aberta desde a rotonda de Lonzas, pola que se desviou o tráfico da avenida de San Cristovo. Precisamente, o BNG, que acusa o Goberno municipal de falta de previsión, dado que se sabía desde hai tempo que se ía cortar o tráfico desta vía, denunciaba no día de onte o estado precario da pasarela peonil provisional instalada para o paso dos peóns e que aínda non puido ser utilizada.