Caxigal denuncia a ruína que supón o deficiente funcionamento da tarxeta Millenium
A Coruña, 6 de setembro de 2012.- O concelleiro nacionalista Xan chama a atención sobre o elevado custo deste sistema. Nestes días, está en concurso o subminstro de novas tarxetas, por un importe de 90.000 euros correspondentes ao subministro de 16.216 cartóns. Con estas cifras, cada tarxeta Millenum cústalles ás arcas municipais 5,55 euros.
O edil do BNG reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira "que actúe con dilixencia e eficacia para que os veciños e veciñas da Coruña non teñan que seguir sufrindo a nefasta xestión do PP pagando cos cartos de toda a cidadanía a tarxeta Millenium, ademais das molestias e trastornos das colas estensas que cada día ateigan a estación de autobuses e os rexistros do Concello".
O nacionalista presentou a semana pasada unha iniciativa sobre as tarxetas Millenium, mais non é a primeira vez que Caxigal se dirixe mediante unha pregunta escrita ao Goberno local para se interesar polo deficiente funcionamento da tarxeta Millenium. "A resposta até o de agora nunca foi satisfactoria, nin para o BNG nin para o conxunto da cidadanía, que padece o deficiente funcionamento destes cartóns", apunta. "Que lle digan aos usuarios e usuarias do autobús se os erros da tarxeta Millenium son puntuais, como di o Goberno local", salienta.
Lamenta o concelleiro nacionalista que "o Goberno do Sr. Negreira non fixer nada para solventar esta situación pasado un ano desde a primeira reclamación presentada polo BNG, en agosto de 2011". E é que as tarxetas seguen errando e a cidadanía segue subindo ao autobús sen saber se vai funcionar a Millenium e co risco de perderen o billete bonificado e os beneficios do transbordos.
O Goberno local denégalle ao BNG o acceso ás estatísticas municipais sobre as queixas ao mal funcionamento da tarxeta
As longas colas que cada día se contemplan no Rexistro municipal do Palacio de María Pita levou o concelleiro nacionalista a solicitar o acceso ás estatísticas nas que figuran as queixas relacionadas co deficiente funcionamento deste sistema. Porén, o Goberno do Sr. Negreira remitiu o BNG ao Informe de Xestión da Memoria do 2011 e impediulle ao BNG o acceso a estes datos. "O PP quere ocultar a toda costa a ineficacia da Concellaría de Mobilidade", engade Caxigal.
Na última iniciativa presentada, o edil do BNG pregunta, unha vez máis, se o Goberno local coñece as deficiencias das tarxetas, se ten previsto garantir o emprego da tarxeta Millenium con normalidade e se ten iniciado algunha xestión para corrixir estes problemas.
Caxigal denuncia a improvisación da área de Mobilidade
Ademais, o concelleiro do BNG alude a improvisación da área de Transporte por non orzar debidamente as tarxetas. Precisamente, o modificativo de crédito que o Goberno local aprobará no Pleno ordinariod este luns detrae 200.000 euros á partida de obras para destinalos a mercar tarxetas Millenium. "Antes toda a culpa era do bipartito, agora debe ser culpa dos que centran os seus esforzos nas festas", ironiza.