Carril e Bermello pechan a campaña apelando a votar polo país, polo futuro e polo BNG
A Coruña, 19 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña púxolle a fin á campaña electoral cun acto público celebrado na Cubela, onde tomaron a palabra o portavoz nacionalista no Concello, Xosé Manuel Carril, e o candidato Suso Bermello. Tamén participou, en representación das persoas máis afectadas polos recortes de Feijóo, Teresa, mariscadora.
O portavoz nacionalista puxo de manifesto que "no BNG non temos medo, porque podemos podemos saír da crise con outras políticas, porque fronte ás políticas do PP de austeridade, de recortes, de privatización, de desmantelamento dos servizos públicos, do paro, da pobreza e dos vetos aos nosos sectores produtivos, hai outras políticas, en que as persoas son o primeiro e non os mercados nin as contas de resultados dos bancos". "No BNG temos fame!", exclamou. "Temos fame de traballo, de democracia e de soberanía", sinalou.
"Queremos traballar e aquí mesmo, na Coruña, temos sectores produtivos onde traballar. Por iso, apostamos pola creación de emprego poñendo a funcionar os nosos sectores produtivos para acabarmos co paro e para termos servizos públicos de calidade", afirmou. Fixo alusión ao pequeno e mediano comercio, á hostalaría, aos polígonos industriais, ás actividades marítimo-pesqueiras ou á ría do Burgo, "marxinada, unha vez máis, polo PP nos orzamentos xerais, renunciando así á creación de centos de postos de traballo de calidade".
Apelou Carril a que "non sexan os mercados, os banqueiros ou as empresas multinacionais os que decidan por nós". "Por iso, o BNG recuperará a democracia con mecanismos de participación popular, como as consultas vinculantes á cidadanía", expuxo. "O BNG fará que o Parlamento galego atenda as necesidades do seu pobo e non os intereses do mercado, moi ben xestionados polo PP e polo PSOE", engadiu.
Tamén falou de soberanía, "se o pobo galego quere traballar nos seus sectores produtivos e quere participar directamente nos asuntos públicos que lle afectan, temos que ter poder para facelo". "Por iso, o BNG fará que tomemos nós mesmos as rendas da nosa vida como galegas e como galegos".
"En definitiva, queremos sentido común e este sentido común é a verdadeira revolución que hai que facer na Galiza, un sentido común revolucionario que só defende o BNG. Porque somos a única forza política galega ao servizo todas e cada unha das persoas que vivides na Galiza", salientou. "Votade coa cabeza e co corazón o BNG", concluíu, non sen antes de agradeceu o traballo incansábel da militancia, "quen traballa día e noite e noite e día para que o BNG chegue a todas partes".
"O que mete medo é o legado do PP"
Pola súa banda, o candidato Suso Bermello sinalou que "o que mete medo é o legado que deixa Feijóo: un trienio negro de paro, débeda, de recortes e de emigración da mocidade", apuntou. Neste sentido, contrapuxo as dúas campañas: a das propostas en positivo do BNG e o chapapote de mentiras de Feijóo.
Ademais, afirmou que "todos os anuncios de Feijóo son electoralistas e todos son para despois do 21-O: tanto no sector naval, con Pemex, o dique flotante ou o tax lease, como con Alcoa estamos sempre con promesas cuxo cumprimento se adía para despois do 21-O". De aí que cualificara a Feijóo como "o campión das promesas incumpridas".
O candidato falou tamén das liñas vermellas que o BNG non traspasará despois do domingo: "nin faremos o que fixo IU en Estremadura darlle o goberno ao PP nin faremos o que fixeron IU e PSOE en Andalucía constituír un goberno para facer recortes". Ademais, fixo un chamamento á mobilización e á responsabilidade dos coruñeses e coruñesas.
"O futuro depende de nós e a política é a arma que temos como sociedade para nos defender", apuntou. Así, chamou a cidadanía a participar e a falar absolutamente con todo o mundo, "porque se hai unha concentración alta, Feijóo perde e se se contra todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG e non se divide, como pretende o PP, Feijóo abandonará Monte Pío o 21 de outubro".
"O cambio real en Galiza só pode vir da man dun goberno nacionalista, que abrirá unha nota etapa política", subliñou. "Só un goberno nacionalista pode garantir para Galiza o mesmo poder político de decisión que van ter Euskadi e Catalunya", advertiu. "Votar polo BNG é votar polo futuro da mocidade e votar pola esperanza", sinalou. "Que quere o PP?", preguntou Bermello, "ou que non votemos ou que dividamos o voto". "Fagamos pois o que máis lle doe ao PP: non dividir o voto, votar BNG", concluíu.