O BNG trasladará ao Pleno o malestar da veciñanza da 2ª fase de Elviña, "sitiada" polas obras
A Coruña, 4 de decembro de 2014- Esta mañá as concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira visitaron a Segunda Fase de Elviña para recoller as reivindicacións da súa veciñanza, desesperada por sentirse sitiada a causa das obras na Avenida San Cristovo e mais na rúa Pablo Picasso.
As persoas que rexentan varios pequenos comercios da zona transmitíronlle ao Bloque que a pasarela peonil provisional, xa denunciada polas nacionalistas, está a provocar que moita veciñanza do Birloque non acuda á Segunda Fase de Elviña a facer as súas compras, optando por achegarse até os centros comerciais que se atopan do outro lado do barrio do Birloque.
Pola outra banda, o desvío da liña número 5 pola rúa Joaquín Planells, moi necesaria para esta zona, que até o momento non contaba con ningunha liña de autobús, está a contribuír ao illamento da Segunda Fase de Elviña pois o 5 permitíalle á veciñanza chegar ao centro da cidade, ao Hospital Abente y Lago e incluso até a zona da Torre de Hércules. É por iso que as comerciantes coas que falou o BNG, moi afectadas por esta modificación, piden que se dote a Segunda Fase de Elviña dunha liña de autobús con moita frecuencia e cun percorrido amplo.
Para minimizar as molestias derivadas da realización das obras e optimizar o resultado final, as nacionalistas propoñen trasladar publicamente os proxectos de obras públicas á veciñanza, ao pequeno e mediano comercio e á hostalaría afectadas, de xeito que teñan coñecemento efectivo das súas características así como da súa materialización con anterioridade á súa execución. Deste xeito, poden facer as súas propostas de cara a ser atendidas, garantindo así a participación veciñal.