O BNG realiza repartos para animar a cidadanía a se sumar á folga do xoves contra a LOMCE
A Coruña, 22 de outubro de 2013.- O BNG anima a cidadanía a se sumar á folga deste xoves, 24 de outubro, contra a LOMCE, unha greve convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que o BNG forma parte. Así, as nacionalistas fan un chamamento para que as familias non envíen as crianzas ao centro de ensino e para que participen da mobilización convocada para o propio xoves, con saída ás 11.30 da Praza de Vigo.
O BNG leva unha semana desenvolvendo unha campaña de repartos de material informativo contra a LOMCE á entrada e á saída dos centros de ensino público da cidade e da comarca, unha campaña para reivindicar o dereito á educación e ao ensino público galego.
Nesta xeira de repartos, en que participaron as concelleiras nacionalistas, o BNG explica que a LOMCE promove a privatización do sistema educativo, na medida en que apoia o ensino privado e concertado en detrimento do público, e que dificulta o acceso á educación as familias con menos ingresos. E é que provocará o recorte nas axudas e nas bolsas ao estudantado. Tamén advirte o Bloque de que a contrarreforma educativa do PP é claramente antigalega en contidos e no uso do idioma e que invade competencias da autonomía.