Bravo esixe a rescisión do contrato á empresa que presta a seguridade no Ágora por irregularidades
A Coruña, 4 de xaneiro de 2012.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo deu esta mañá unha rolda de prensa para denunciar o despedimento dun traballador do que o Goberno municipal é último responsábel, xa que a empresa que gañou o concurso para prestar o servizo de seguridade no Ágora negouse a subrogar a este vixilante. E isto, malia que o prego de condicións obrigaba a subrogar os dous traballadores que xa prestaban este servizo coa anterior concesionaria.
Despois de que nun primeiro momento ficase deserto o concurso para o servizo de seguridade do Ágora, o Concello volveu sacar a licitación en agosto de 2012, explicou Bravo. A concelleira nacionalista expuxo prego de condicións valoraba con 20 puntos melloras na oferta económica; con 10 puntos, o maior número de horas complementarias e con outros 10 puntos, a mellor oferta técnica.
"A mellor oferta económica das sete empresas presentadas levou a Galaica a gañar o concurso", sinalou. "Malia ter a quinta peor nota técnica, esta empresa presentou unha oferta de 75.013,95 euros, é dicir, unha rebaixa do 13,94% sobre os 85.000 euros licitados polo Concello e unha rebaixa media do 6,34% sobre o conxunto das sete empresas presentadas", engadiu.
"Por que a empresa presentou semellante rebaixa sobre o prezo licitado polo Concello? Porque non tiña pensado cumprir o prego de condicións", apuntou a edila do BNG, que lembrou que unha das condicións recollidas no prego de condicións era a subrogación dos dous traballadores que xa prestaban o servizo de seguridade coa anterior empresa. Precisamente foi este punto o que incumpriu Galaica, que decidiu despedir un dos dous traballadores o mesmo día que comezou o contrato co Concello da Coruña, o 10 de decembro de 2012.
A non subrogación dos traballadores conleva a rescisión do contrato
Bravo remitiuse ao artigo 29 das cláusulas administrativas para solicitarlle ao Goberno municipal que comece de inmediato o proceso de rescisión do contrato con esta empresa que despediu xa o primeiro día un dos dous traballadores a subrogar. "O Goberno do Sr. Negreira non pode ficar de brazos cruzados ante o incumprimento deste contrato, e ten que facer valer o prego de condicións, que está para cumprirse e para que se lle preste á cidadanía un correcto servizo que financia cos seus impostos", sinalou.
Ademais, Bravo aludiu a coñecidas irregularidades desta empresa, que se negou a subrogar os traballadores e traballadoras da Fundación Luís Seoane e que protagonizou un episodio semellante nun centro de menores do Concello de Ferrol. Tamén amosou unha sanción de Inspección a Galaica, que ascende a máis de 720.000 euros e que foi publicada recentemente no BOP.
Competencia desleal para o resto de empresas presentadas ao concurso
A concelleira do BNG anunciou en rolda de prensa que se porá en contacto coas seis empresas que non gañaron o concurso para lles dar conta do incumprimento da subrogación deste traballador por parte de Galaica. Para a nacionalista, "este é un caso de competencia desleal por parte da empresa gañadora, que rebaixou nun 13,94% a cantidade licitada polo Concello e xa o primeiro día incumpriu o contrato".
Por último, o vixilante despedido por Galaica, Marcos Martínez Varela, asegurou que se temía o seu despido ante o historial de casos semellantes protagonizado por esta empresa. O traballador explicoulles aos medios de comunicación que recibiu unha chamada de Galaica o venres día 7 de decembro para lle anunciar que non contaban con el. O luns, día en que a empresa comezaba a prestar o servizo, déuselle de alta e de baixa na Seguridade Social. A razón que lle deron "saía máis barato despedirme a min que despedir persoal propio da empresa, con anos de contrato".