O BNG leva ao Parlamento o novo punto de encontro da Coruña, que incumpre a normativa
A Coruña, 4 de xaneiro de 2012.- O Grupo Parlamentar do BNG vén de presentar unha batería de iniciativas sobre o punto de encontro familiar da Coruña, que, recentemente, a Xunta de Galiza trasladou do Centro Fonseca ao Centro Santiago Apóstolo. Este cambio de emprazamento motivou a preocupación entre diferentes colectivos e asociacións que se puxeron en contacto co BNG para denunciar os incumprimentos do centro. Segundo lle comunicaron ao BNG estas entidades, o centro non reúne os requirimentos que marca o decreto 9/2009, de 15 de xaneiro, e conta con graves deficiencias de seguridade e hixiene.
Ante esta situación, o BNG, a través de Francisco Jorquera e Carme Adán, pregúntalle ao Goberno galego, en distintas iniciativas, se o centro Santiago Apóstol cumpre os requirimentos necesarios para garantir a calidade da prestación do servizo como punto de encontro, tal e como regula o decreto 9/2009 e, de non ser así, os nacionalistas preguntan por que se levou a cabo este traslado con tanta premura. Ademais, preguntan se os seis restantes puntos de encontro que hai en Galiza cumpren a normativa e que accións pensa realizar a Xunta para mellorar o servizo e a calidade destes equipamentos.
Ademais, os nacionalistas rexistraron unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión e en Pleno na que se insta o Goberno a cumprir o decreto 9/2009 e a garantir, de xeito inmediato, que o novo punto de encontro da Coruña cumpra todos os requirimentos necesarios antes de prestarlles servizo ás persoas usuarias.