O BNG leva a Pleno unha moción para que o 24 de xuño sexa considerado festivo local
A Coruña, 25 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno ordinario de xullo, que terá lugar o vindeiro luns, unha moción encamiñada a declarar o 24 de xuño día festivo na cidade da Coruña, unha reivindicación que as nacionalistas xa recollían no programa co que concorreron ás eleccións municipais. Dado o enraizamento e a grande acollida que ten na nosa cidade o solsticio de verán, que se vén celebrando desde o pasado máis remoto, o Grupo Municipal do BNG considera que un dos festivos municipais da Coruña ten que ser, necesariamente, o 24 de xuño.
Esta iniciativa súmase á pregunta oral que formularán as nacionalistas na mesma sesión plenaria para coñecer o posicionamento do Goberno municipal, quen ten a competencia de elixir os festivos locais, sobre a proposta do BNG. No 2012, o 24 de xuño caeu en domingo e neste 2013, foi festivo autonómico de xeito puntual, en substitución doutros festivos que caeron en domingo, caso do 6 de xaneiro e do 8 de decembro. O 24 de xuño de 2014 caerá en martes e non será festivo autonómico. De aí que as nacionalistas esperen que o Goberno do Sr. Negreira lle dea luz verde á moción.
O Grupo Municipal do BNG reclama unha solución permanente e non puntual para que o 24 de xuño sexa, a partir de agora, festivo local, tal e como defende a gran maioría da cidade. E é que o San Xoán, festa de carácter pagán, galego e de barrios, goza dun alto nivel de implantación ao longo da Coruña.