Bravo advirte de que non hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

Bravo advirte de que non hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

A Coruña, 16 de abril de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo sinala, en relación á visita propagandística do conselleiro de Educación, que os 150.000 euros orzados para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán son insuficientes para executar as obras. E é que a ampliación do colexio custará, ao redor, do millón de euros, é dicir dez veces máis do consignado polo Goberno de Feijóo. Ademais, a nacionalista advirte de que o PP tombou a emenda parcial que o BNG presentara aos orzamentos galegos para que se incrementase a partida destinada á ampliación deste cento.

María Xosé Bravo critica o desleixo histórico do Partido Popular no CEIP Emilia Pardo Bazán, onde demorou unhas obras reclamadas desde hai anos pola comunidade educativa e pola veciñanza dos Rosais. E iso que o programa de necesidades en que se define a reforma e ampliación do CEIP leva finalizado desde o 2010, tal e como lle recoñeceu Educación ao Grupo Parlamentar do BNG.

A concelleira nacionalista compara o atraso ao que Educación somete aos centros de ensino público, como o CEIP Emilia Pardo Bazán, coa axilidade e a man aberta que reciben os colexios privados como o Monte Espiño e o Peñarredonda, onde separan os nenos das nenas, algo completamente inadmisíbel e que, tal e como vén de advertir a xustiza, non debe recibir nin un euro por parte das Administracións públicas.

 

 

Bravo advirte de que non hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán