Avia Veira: "No BNG non nos imos resignar nin ser pasivas ante o desleixo do PP na ría do Burgo"
A Coruña, 16 de abril de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira esixiulle esta mañá ao alcalde da Coruña que actúe de inmediato para garantir a retirada dos lodos da ría do Burgo, para desenvolver plan de rexeneración e dragado integral, para axudar proxectos veciñais de ocio e deporte e para impulsar proxectos de recuperación e resemente de bancos marisqueiros. Engadiu que no BNG non nos imos resignar nin ser pasivas nin cómplices co desleixo do Partido Popular na ría do Burgo. De feito, a concelleira nacionalista participou, este mediodía, xunto co responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, na recollida de sinaturas organizada polo BNG e por Galiza Nova no Campus de Elviña para a recuperación da ría.
En declaracións aos medios, Avia Veira criticou que o alcalde estea impasíbel ante a grave situación da ría do Burgo e despois da recente visita da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. A actitude de brazos cruzados do Sr. Negreira e do seu equipo de Goberno representa un claro desprezo á ría e ao colectivo de mariscadoras, salientou. Advertiu ademais do problema de seguridade que conleva a cantidade de lodos acumulados na ría e que poñen en risco a vida das persoas. Non vai facer nada o Sr. Negreira para evitar accidentes na ría?, preguntou a concelleira nacionalista.
Na mesma liña, a edila do BNG lembroulle ao alcalde que gobernar implica obrigas, entre as que están a promoción da creación de postos de traballo. Afirmou, ao respecto, que só se manteñen 76 mariscadoras a pé e 38 embarcacións de marisqueo a frote para a extracción de ameixa fina, babosa e xapónica, e berberecho cando hai trinta anos mariscaban 2.200 persoas. E como o Goberno municipal permaneza indolente, o Sr. Negreira, que goberna unha cidade con máis de 24.000 paradas e co 20% da cidadanía en risco de pobreza, será copartícipe da morte produtiva da ría, subliñou. Advertiu Veira de que a rexeneración da ría do Burgo crearía centos de postos de traballo directos e de calidade, empregos que repercutirían na creación de riqueza na zona.
Nin Concello, nin Xunta nin Goberno central fan nada e, en vez de actuar, miran cara outro lado e din que é algo inevitábel, cando a retirada dos lodos é unha cuestión de vontade política
A edila do BNG sinalou que o Partido Popular non ten escusas, goberna en todas as administracións con competencias sobre a ría do Burgo; porén, nin Concello, nin Xunta nin Goberno central fan nada e, en vez de actuar, miran cara outro lado e din que é algo inevitábel, cando a retirada dos lodos é unha cuestión de vontade política.
A desconsideración do PP coa ría do Burgo non é nova, apuntou Veira, quen aludiu a que nin os orzamentos do Estado nin os da Xunta contemplan partidas para o dragado dos lodos. De feito, o PP botou abaixo todas as emendas do BNG para dotar de cartos a limpeza da ría. Lembrou tamén que o Partido Popular se negou a participar en reunións convocadas pola Plataforma en Defensa da ría do Burgo e pola Confraría de Pescadores.
Por último, Avia Veira sinalou que o PP poderá demostrar este mesmo xoves se continúa desprezando o colectivo de mariscadoras ou se está en defensa da rexeneración da ría do Burgo. E é que terá lugar no Parlamento de Galiza o debate da proposición non de lei presentada polo BNG para a limpeza da ría e para o plan de recuperación do marisqueo.