Bravo acusa o Goberno municipal de amordazar a A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros
A Coruña, 7 de decembro de 2012.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo, que estivo esta mañá con representantes da A VV de Oza-A Gaiteira-Os Castros, acusa o Goberno municipal de amordazar e de reprimir os vecinos e veciñas do barrio, molestos coa obra de reforma da Gaiteira, que deixará dividida en dúas a rúa e que manterá pechada a obra durante un ano, co prexuízo que suporá a comerciantes e hostaleiros.
Bravo, que critica a actitude antidemocrática do Goberno municipal, denuncia que o Sr. Negreira utilice a policía local e bombeiros de xeito partidista e de poñelos a traballar para o Partido Popular, di en relación á pancarta inofensiva co lema A rúa é da veciñanza. Non á mediana que o PP mandou retirar da vía pública con ameazas de sancións económicas. Curiosamente, ao Sr. Negreira non lle molestan os Vanesas y Javieres por fin se casan ou os Vota fulanito ou menganito que aínda poden verse pola cidade, iso si, manda brigadas da policía e bombeiros a retirar unha pancarta da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros. Deixen de confundir a institución e o papel do goberno cos intereses do seu partido, pídelles Bravo.
A concelleira do BNG, que se pon á disposición dos vecinos e veciñas do barrio, lémbralle ao Sr. Negreira que é o alcalde de todos os coruñeses e coruñesas e non só dos seus amigos e esíxelle que abandone a actitude sectaria e que reciba ao tecido vecinal, comercial e hostaleiro da Gaiteira para negociar o deseño e duración das obras, que valerán 1 millón de euros. Máis talante democrático e menos sectarismo, esixe Bravo, quen lle lembra ao Sr. Negreira que non é o dono da Coruña.