O BNG exixe a revisión de oficio do plan especial de SGL ao ocupar terreos a empresa de xeito ilegal
A Coruña, 7 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que proceda a incoar expediente de revisión de oficio do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións aprobado no pasado Pleno Ordinario, ao se constatar que a empresa SGL ocupa ilegalmente terreos de dominio público pertecente ao colindante antigo cuartel de automóbiles de Agrela. A superficie ilegalmente ocupada pola empresa formaría parte da parcela afectada polo Plan Especial.
O BNG considera un despropósito que o Concello teña que abonar medio millón de euros polo demérito (perda de valor) dunha parcela, cando de acordo coa sentenza da Audiencia Nacional de 02/02/2011 (que se achega) a empresa SGL ocupa ilegalmente 979,30 m2 de superficie, colindante co recinto do antigo cuartel de automóbeis de Agrela.
Os nacionalistas lembran ao respecto que no Plan Especial aprobado no pasado Pleno a empresa SGL declaraba ser propietaria da totalidade da parcela catastral que ocupa en Agrela, cunha superficie total de 76.450 m2, mais de acordo coa sentenza da Audiencia Nacional (confirmatoria dunha resolución do Ministerio de Defensa do 2008) SGL ocupa ilegalmente unha franxa de terreo colindante co antigo cuartel; franxa onde se localizan instalacións da factoría (tal e como consta no propio plano obrante en dito Plan; ver plano).
O BNG precisa ao respecto que na documentación do Plan Especial se omitía calquera referencia á reclamación de propiedade do Ministerio de Defensa, malia que SGL xa coñecía perfectamente que desde o 19/06/2008 a empresa está obrigada a desaloxar os 979,30 m2 que ocupa ilegalmente.
Por último, o BNG reitera de novo a exixencia de que o Concello inste a reversión da superficie de terreo cedida gratuitamente no seu momento ao Ministerio de Defensa, 50.325 m2 (os 2/3 do total do recinto militar), e que foi desafectada do uso militar no 2009.