Bouza chama a votar o BNG "porque é o cambio real que Galiza precisa"

Bouza chama a votar o BNG "porque é o cambio real que Galiza precisa"

A Coruña, 5 de outubro de 2012.- O BNG abriu esta noite a campaña no local comarcal, nun acto en que estiveron presentes os e as candidatas pola comarca: a deputada Ana Luísa Bouza (número 3), Henrique del Río (número 12), Vitoria Louro (número 13), Abel López e Suso Bermello (Suplente), ademais de cargos institucionais e orgánicos do BNG.

 

Foi Bouza quen a encargada de dar o pistoletazo de saída cara ao 21 de outubro. “Hai que votar o BNG, porque votar o BNG é votar polo cambio real de Galiza precisa e porque votar o BNG é acabar cos 3 anos de fracasos e mentiras de Feijóo”, sinalou. A deputada e candidata número tres pola Coruña puxo de manifesto que “para facer posíbel o cambio real que Galiza precisa, a chave pasa por concentrar todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”. “O PP ten as eleccións perdidas se o voto nacionalista e de esquerdas se concentra no BNG”, engadiu.

 

A candidata do BNG apelou á necesidade urxente dun “proxecto nacional para reorientar as políticas: hai que pór o país a producir, protexer os servizos públicos esenciais e avanzar en democracia e soberanía”. Nesta liña erixiu o BNG como “a forza nacionalista que defende o autogoberno e os intereses de Galiza sen ter que chamar a ninguén a Madrid” e sinalou que “os votos depositados no BNG servirán para axudar a que Galiza exista e pese no Estado e a que as clases populares galegas estean defendidas”.

 

“Para facer posíbel o cambio real que Galiza precisa, a chave pasa por concentrar todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”

 

Bouza defendeu que a alternativa do BNG é necesaria e viábel e expuxo os tres eixos sobre os que se erixe: traballo, democracia e soberanía. Para avanzar en materia de emprego, a nacionalista apostou por desenvolver todo o potencial económico de Galiza, con todos os sectores nos que o país conta con vantaxes comparativas (enerxía, pesca, mar, naval, alimentos, téxtil...), por fomentar unha economía produtiva de base industrual e asegurar os recursos mediante unha banca pública galega. No que respecta á protección da democracia, propuxo instrumentos de participación e control cidadanán directo, unha circunscripción electoral única ou a regulación de consultas populares co fin de asegurar que as decisións políticas relevantes sexan tomadas directamente pola cidadanía. E no que ten a ver coa soberanía, avogou por definir políticas máis acaídas ás necesidades de Galiza, a defendermos directamente os nosos intereses en calquera instancia. Sinalou, ao respecto, que “máis soberanía é sinónimo de máis democracia: só acreditando na propia capacidade e exercendo a política en función dos intereses do pobo, poderemos crear emprego.

 

Con Feijóo hai un 26% máis de persoas paradas na cidade e cada día hai 30 persoas máis en desemprego na provincia

 

A continuación, Bouza cualificou o Goberno de Feijóo como “o peor da historia de Galiza”. “O Goberno do PP foi un fracaso absoluto, inoperante, sen logros e sen realizacións positivas; en tres anos, Feijóo fixo retroceder 10 anos a Galiza”, apuntou. “Temos menos benestar, menos democracia e menor autogoberno por culpa de Feijóo e, pola contra, temos máis paro, máis recortes sociais e máis submisión a Rajoy e a Bruxelas”, engadiu. Bouza lembrou que en Galiza hai 113.000 persoas desempregadas máis que cando chegou Fiejóo ao Goberno. “E na Coruña non nos salvamos: cada día hai 30 parados e paradas máis na provincia e, na cidade, desde que Feijóo asumiu a Presidencia da Xunta o desemprego subiu un 26%”, salientou. “E non esquezamos a emigración: máis de 60.000 mozas e mozos tiveron que emigrar”, engadiu.

 

Tamén aludiu Bouza ao declive dos nosos sectores produtivos: máis de 3.000 explotacións agrarias e gandeiras fechadas, máis de 2.500 embarcacións despezadas, máis de 5.000 pequenas e medianas empresas liquidadadas, máis de 14.000 comercios fechados... “E o grande engano da austeridade supuxo que Galiza estea máis endebedada que hai catro anos: en menos dunha lexislatura Feijóo triplicou a débeda herdada dos gobernos anteriores, incluído o de Fraga”, criticou.

 

Neste contexto, advertiu de que “votar a Feijóo é lexitimar os recortes de Rajoy e do PP, porque Feijóo non pensa en Galiza, só obedece cegamente os ditados de Madrid”. “O PP adiantou as eleccións para tentar que non lle afecten os novos recortes previstos, despois das eleccións virán máis e máis graves recortes”, alertou. Nesta liña, Bouza criticou a Feijóo por agochar as siglas do seu partido en campaña, “non é de fiar un candidato que agocha as súas siglas e que agocha o seu programa: o programa de recortes masivos que prepara Rajoy para cando pida o rescate”.

Bouza chama a votar o BNG "porque é o cambio real que Galiza precisa"