O BNG reclama unha solución para as máquinas de recarga en efectivo da tarxeta Millenium
A Coruña, 18 de marzo de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha iniciativa na que reclama solucións para os problemas de recarga en efectivo da tarxeta Millenium. Tal e como lle transmitiron ao BNG persoas usuarias do bus, en máis de unha ocasión, é frecuente que as máquinas de recarga en efectivo que se atopan no interior das oficinas de NCG se atopen fóra de servizo. Esta mesma mañá, atopábanse fóra de servizo as máquinas das sucursais de Médico Rodríguez e da contorna da praza de Lugo.
O non funcionamento das máquinas de recarga en efectivo aféctalles, nomeadamente, as persoas que non teñen conta en NCG Banco, xa que non poden recargar a tarxeta Millenium desde os caixeiros automáticos. Deste modo, a estas persoas non se lles facilita outra alternativa e vense obrigadas a pagar o importe xenérico do billete, sen descontos, que o Goberno municipal encareceu este ano a 1,27 euros, cando soben ao autobús.
Curiosamente, tal e como denuncian usuarios e usuarias, as máquinas de recarga están fóra de servizo os luns, xusto despois das fins de semana, cando tampouco teñen a opción de recargar a tarxeta.
Neste contexto, a concelleira Ermitas Valencia pregúntalle ao Goberno municipal se ten coñecemento destes feitos, que adoitan ter lugar en luns, e se ten previsto esixirlle á Compañía de Tranvías e a NCG Banco que arranxen o problema de funcionamento e se prevé esixirlles ofrecerlle unha alternativa ás persoas usuarias da Millenium para que poidan subir ao autobús coa tarifa á que teñen dereito.